O pleno da corporación municipal aprobou por unanimidade a incorporación do Concello ao Plan de Acción de Axenda Urbana, impulsado a través da Deputación. Tal e como explica o concelleiro delegado de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, trátase “dun instrumento serio, rigoroso e eficaz que nos axudará a continuar organizando iniciativas, actuacións e proxectos encamiñados a dar cumprimento coas pautas establecidas na Axenda 2030, na busca dun futuro sostible, reducindo a pegada de carbono e mellorando a sustentibilidade e calidade de vida da nosa cidadanía”.

Unha das cuestións a ter en conta é que, grazas á adhesión ao Plan de Acción de Axenda Urbana, Poio estará en disposición de acceder a fondos e axudas da liña Next Generation, a través das cales “pódense impulsar multitude de iniciativas e actividades vencelladas ao respecto polo medio ambiente, a igualdade, o reforzo da promoción turística ou a propia mobilidade. Son aspectos todos eles que cobran un protagonismo esencial na Axenda 2030”, corrobora o máximo responsable do departamento de Urbanismo e Promoción Económica.