A artista viguesa Menchu Lamas e a presidenta do Consello da Cultura Galega, a pontevedresa Rosario Álvarez, son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo 2021, convocado pola Xunta de Galicia e polas catro deputacións galegas e que este ano organiza a de Pontevedra. O xurado, reunido onte e presidido por Carmela Silva, destacou a aportación de ambas galardoadas á cultura galega tras conceder este recoñecemento ex aequo a Menchu Lamas, cuxa candidatura propuxo a Deputación de Pontevedra, e a Rosario Álvarez Blanco, proposta pola escritora Fina Casalderrey en representación da Real Academia Galega. O galardón está dotado con 16.000 euros.

Menchu Lamas. | // FDV REDACCIÓN

Carmela Silva foi a encargada de comunicar decisión a ambas as dúas premiadas ás que trasladou os parabéns de todo o xurado e manifestou a súa satisfacción por “este recoñecemento a representatividade das mulleres, algo que cremos imprescindible”. A presidenta provincial enxalzou “a extraordinaria” traxectoria das dúas premiadas” e lembrou que “durante moito tempo as mulleres xogamos un papel moi por debaixo do moito que temos aportado á cultura. É fundamental rachar cos datos abraiantes de invisibilización recordando que desde 1977 tan só cinco mulleres, co galardón de hoxe a Lamas e Álvarez Blanco, foron gañadoras deste Premio.

Rosario Álvarez. | // FDV REDACCIÓN

Amais de Carmela Silva e Fina Casalderrey en representación da RAG, integraron o xurado o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez (por delegación do conselleiro de Cultura da Xunta); Xurxo Couto (en representación da Deputación de A Coruña); Tareixa Ferreiro (representando á Deputación Lugo); Ana Patricia Torres (Deputación Ourense); Victoria Alonso (Deputación de Pontevedra); María do Mar Lorenzo (en representación da Universidade de Santiago); Alfonso Caride Losada (Universidade de Vigo); Manuel Ferreiro Fernández (Universidade de A Coruña); Pablo Otero Piñeyro (en representación Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento); Marcelino Agís Villaverde (designado pola Xunta); Jose Antonio Fraga Vázquez (designado pola Deputación de A Coruña); Xosé Miranda Ruiz (designado pola Deputación de Lugo); Luis González Tosar (designado pola Deputación de Ourense); Paula Cabaleiro (designada pola Deputación de Pontevedra) e o representante da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López. Como secretario do xurado actuou o da Deputación pontevedresa, Carlos Cuadrado Romay.

Carmen Lamas Pérez, Menchu Lamas (Vigo, 1954), é probablemente a artista galega de maior proxección internacional e unha creadora fundamental na renovación da arte galega. Convértese na primeira artista plástica en gañar o Premio. Lamas, tras estudar Deseño Gráfico na Institución Artística de Enseñanza (IADE) de Madrid e iniciar a súa traxectoria no Colectivo da Imaxe, con Carlos Berride, Antón Patiño e Jorge Agra, debutou cunha exposición colectiva na Praza da Princesa de Vigo en 1974 e colaborou tamén co grupo poético Rompente en dous libros de poemas. Foi fundadora do colectivo referente da Arte Galega contemporánea Atlántica en 1980, xunto a Antón Patiño, Ánxel Huete, Guillerme Monroy e Román Pereiro.

Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1953) é unha das mulleres máis relevantes da cultura en Galicia e a primeira en presidir o Consello da Cultura Galega, cargo que ocupa desde 2018. Atesora unha importante labor no ámbito da universidade, da investigación e da defensa da cultura gales e está vencellada desde o inicio da súa traxectoria profesional a numerosos organismos culturais e educativos. É licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde é catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa. Foi vicerreitora de profesorado da universidade (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e directora do Instituto da Lingua Galega (2005-2013), entidade á que pertence desde 1974.

Integrante do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), é coautora de dúas gramáticas do galego, con Henrique Monteagudo e Xosé Luis Regueira (1986) e Xosé Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega.