Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

juáncho nn | Debuxante e escritor

“A idea era expresar o medo que sentían os galegos cando estaban no medio do monte”

Juáncho posa cun exemplar da súa publicación no seu estudio. FdV

Cunha maquetación en clave de rede social chega ás librerías “Na procura do medo esquecido” (Editorial Galaxia), moito máis ca un catálogo de criaturas mitolóxicas e fantásticas de Galicia. Detrás deste fermoso traballo de gran formato está Juáncho, ilustrador e licenciado en Publicidade e Relacións Públicas en Pontevedra.

“O Apalpador”. | // JUÁNCHO

– Como xurdíu a idea desta publicación e a súa relación coa Editorial Galaxia?

– É o meu primeiro libro con Galaxia e xorde no ano 2012 a raíz dunhas ilustracións de meigas. En plena crise, ocorréuseme que en Galicia está moi pouco e mal explotado o material sobre o medo e as criaturas mitolóxicas e os contos de lareira. Quixen facer un “merchandising” a partir desas ilustracións, que adaptei a lenzo, póster, chapas e postais. Púxenas á venda nun par de tendas. Vendíanse ben. Pero pasado un ano vin que o proxecto non tiña un horizonte e requería máis inversión e quedou paralizado. Certo día, hai dous anos, ocorréuseme enviar esas meigas ao director de Galaxia para probar. Encantáronlle dende o primeiro momento. E comenzaron as conversas. A primeira idea foi de novo adaptalas a “merchandising” como imaxe de Galaxia para o Culturgal, pero ao saír desa primeira reunión a miña cabeza seguía dándolle voltas. Dábame mágoa que o meu proxecto se quedara simplemente niso e non tivese máis percorrido, porque sabía que tiña entre mans un proxecto máis sólido. Propúxenllo a eles e me responderon que adiante; foi marabilloso.

“María Soliña”. | // JUÁNCHO

– Os textos tamén son seus, pero na introdución do libro di que é un “catálogo narrado por testemuñas”...

– O libro nun principio ía ser un muestrario de seres, pero eu, e aínda hoxe, o concibo como algo máis ca unha enumeración. É un todo. Conta Galicia en distintas fases. Non quería que o texto fora un mero texto descriptivo de criaturas e seres, quería narración dende o punto de vista que fose coherente en todo o libro. Unha das ideas era poder expresar o medo que sentía unha galega ou un galego cando estaban nunha aldea perdida, no medio do monte, e tiñan que percorrer kilómetros a cabalo ou andando, de noite, con chuvia, néboa... Que mellor maneira que escoitar esas voces.

“A Santa Compaña”. | // JUÁNCHO

– Expresar todo o que foi escoitando de neno?

– Pois si, é unha escolma de todo o que levas escoitando na túa vida por boca dos maiores, que máis que contar historias expresaban o xeito de vivir aquí. O libro, nese sentido, respira Galicia por todas partes.

– Que é primeiro, o medo ou as criaturas fantásticas e mitolóxicas?

– As dúas cousas van da man. O medo é algo que unha persoa sinte cando queda soa nun monte, ante a indefensión da noite, ou por unhas condicións climatolóxicas adversas... O medo axuda a sobrevivir, é intrínseco aos seres humanos e nos fai ser conscientes da nosa vulnerabilidade e parte do mundo, porque somos un animal máis. Cando aconteceu o tema da pandemia e o salto do virus dun animal a outro, é cando realmente ves que formamos parte da natureza e que non estamos por riba do ben e do mal.

– “Na procura do medo esquecido” inclúe 40 personaxes, é de supoñer que vostede non os coñecía a todos...

– Eu coñecía moi poucos. Procurei o valor icónico e máis plástico á hora de ilustralos. Estaba claro que “Romasanta” (o lobishome) tiña que estar, pero moitas veces é considerado como “O Sacaúntos”. A diferenza é que “Romasanta” existíu na realidade: foi o primeiro reo liberado por licantropía.

– Real tamén foi María Soliña...

– Esa foi unha historia moi, moi forte que fala da historia pura de Galicia naqueles tempos. Unha meiga que non era meiga, acusada de selo polos veciños ou a Santa Inquisición. Pertencía a unha familia dun nivel alto, o seu home tiña unha industria da salazón na zona de Cangas. Tras unha invasión de piratas, morreu e mesmo lles mataron a un fillo, polo que ela quedou vagando pola vila nun estado de depresión ou enaxenación mental que foi aproveitado pola Insquisición para acusala de bruxería. Era unha presa fácil. O tribunal condenouna co “sambenito”, unha figura que tamén chega ata nós no tempo, e que consistía nunha indumentaria ou hábito.

– Cal dos personaxes da publicación é o seu favorito ou favorita?

– A min me perde a faceta de ilustrador, polo que estou entre “Berobreo” e “Avelaiona”, son os que máis me gustan nese sentido. Fóra da ilustración, todos teñen un enorme traballo detrás.

– Cal foi máis difícil?

– Nalgúns casos por falta de documentación e noutros por exceso. “Branca Flor”, a filla do demo, partía da nada, pero quixen incluíla. Ou “María Castaña”. De “Pedro Chosco” non escoitara falar, pero tamén existe na cultura británica...

– Esta publicación foi tamén unha aposta polo papel e o grande formato...

–O libro foi unha aposta persoal. Polas ilustracións non podería ser concebida en tamaño pequeno. Nunha librería un tamaño grande entra polos ollos. Outra cousa que me gustaría destacar é que o deseño das páxinas quere atraer tamén aos máis novos, por iso utilicei os formatos de redes sociais como Instagram ou Twitter. É unha maquetación en clave de rede social, para non deixar atrás a ningún tipo de lector.

– Que percorrido agarda que teña o libro?

– Este libro, se se lle dá unha oportunidade, podería estar en cada casa dos galegos. Agora estou na parte da promoción e me sinto moi comprometido pola débeda que teño coa editorial.

Compartir el artículo

stats