Correlingua chega aos 20 anos decidida a facer participar aos rapces dos centros escolares do país nunha celebración a favor do galego que non pode deterse a pesar da actual situación excepcional. Nesta edición, baixo o lema ‘Vinte coa lingua’, Correlingua terá presenza física nunha ducia de centros escolares doutras tantas localidades galegas, e todas as súas actividades serán retransmitidas en streaming a través da súa canle de YouTube para que a rapazada de todos os colexios da Galiza poida asistir virtualmente e reivindicar o dereito a vivir en galego.

As actividades Correlingua comezarán o vindeiro día 5 en Narón, e pasarán despois por Pontevedra, A Estrada, Moaña, Vigo, O Rosal, Lugo, Xove, Rianxo, Zas, A Coruña e Ourense, contando con actuación dos grupos e artistas ‘ Ce Orquestra Pantasma’, Aldaolado, Luís Caruncho, A Gramola Gominola, os grupos gañadores do Cantalingua Cuarta Xusta, Monolius Dop e Birlibirloque.

Na provincia de Pontevedra o Correlingua debutará o día 12 en O Rosal, no CPI Manuel Súarez Marquier, onde actuará a Cé Orquestra Pantasma.

Xa o día 18 será a quenda do CEIP de Xeve, onde estará o grupo gañador do Cantalingua (Cuarta Xusta) e Luis Caruncho. Logo será a festa de Moaña no centro socio cultural Daniel Castelao o día 19, coa actuación da actriz Isabel Risco, que conducirá e animará a festa e o concerto da Gramola Gominola, para o que está previsto contar coa presenza dun par de aulas se as condicións o permiten.

Todo o alumnado dos centros da comarca estará convidado a ver en directo por retransmisión en streaming para que poidan gozalo nas súas aulas sen risco.

A Estrada e Vigo serán as outras vilas que acollerán actividades. Isabel Risco e un dos grupos gañadores do Cantalingua estarán na vila da comarca do Tabeirós entre o 19 e o 27 de novembro, mentres que en Vigo estará o grupo Aldaolao, aínda sen definir lugar.

A día 7 do pasado mes de marzo, había 12.000 alumnos inscritos para participar no Correlingua de xeito presencial, e agora a organización convida aos nenos e seus profesores a participar de xeito virtual.

As actividades de Correlingua, organizadas co apoio das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, debutaron onte na institución provincial pontevedresa coa presenza da deputada de Lingua María Ortega, o concelleiro de Normalización Lingüística en Pontevedra, Alberto Oubiña e, como representantes da entidades organizadoras, o presidente da Asociación Cultural Correlingua, Anxo Terán; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; e o secretario comarcal CIG-Ensino (Pontevedra), Xacobe Rodríguez.