A Deputación de Pontevedra edita 313 exemplares dunha edición limitada en facsímile que recolle os manuscritos de Rosalía de Castro que sobreviviron á fogueira trala súa norte. Trátase dun poemario que presentou na mañá deste venres a deputada de Lingua e Patrimonio, María Ortega, no acto institucional organizado para conmemorar o nacemento da poeta galega.

A obra poderá ser consultada por todos os interesados na biblioteca do Arquivo Provincial, segundo o anuncio da deputada, que compañou hoxe á presidenta provincial, Carmela Silva, na apertura dos actos do Día de Rosalía, un encontro no que os asistentes foron agasallados cunha flor (unha camelia do cultivar Rosalía de Castro de Areeiro) e un libro.

A música de Xardín Desordenado (que puxo son a varios poemas de Rosalía) deu a benvida aos asistentes, entre eles varios alcaldes e representantes de distintos concellos da provincia, ante os que Carmela Silva lembrou que somos "dos poucos pobos nos que unha muller é referencia", a guía dun grupo humano "cunha cultura, tradición e valores propios e potentes€ Un pobo que segue a defener unha ollada propia sobre o mundo".

Pola súa banda, Maria Ortega explicou que o libro que edita a institución provincial, de 640 páxinas, recolle a obra poética da autora e tamén reproduce manuscritos de poemas (algúns con estrofas inéditas) que sobreviviron á destrucción ordenada pola propia Rosalía trala súa morte.

"É coñecido que, cando estaba gravemente doente e presentindo a súa morte, ordenou ás súas fillas que ao seu finamento destruísen os papeis que contiñan os orixinais da súa obra literaria", lembrou a deputada sobre unha escena da queima deses manuscritos contada por diversas persoas que recolleron o relato de testemuñas presenciais. "Ademais, Manuel Murguía, xa viúvo, tamén rachou e fixo desaparecer todas as cartas que lle enviara a súa esposa, facendo así desaparecer unha produción de incalculable valor".

A xornalista e escritora Montse Fajardo tomou de seguido a palabra para dar lectura ao manifesto da Asociaicón de Escritoras e Escirtores en Lingua Galega (AELG), un texto de Daniel Asorey que fala de nosoutros, de como marchamos e camiñamos, fuximos, "e, no medio do desamparo, do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Desde entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo".

O inaudito? Que, lembrou o manifesto, Rosalía, unha das que debían ser silenciadas pola forza, ergueu a súa palabra libre e entregóunola. "Sera por eso que habemos será unha anomalia? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que os iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo".

En tempos duros, nos que "rexorden discursos de odio e de medo", lembrou a escritora no manifesto, "as vítimas son sinaladas polos verdugos. No entanto, nesta transmatria nosa conservamos armas lilas contra a desolación".

Fabricounas, engadiu, unha muller con versos irredentos, "vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio medre no corazón".

O manifesto convida a facer vivos os versos de Rosalía en cada persoa que foxe, que chimpa un muro, cada ser humano que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente porque, "levamos no sangue a valentía de quen camiña" e grazas a esa muller de versos irredentos "sabemos que as errantes tamén somos nós. Conra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres".

As actividades conmemorativas do Día de Rosalía continuarán o vindeiro domingo 23 ás 12 horas, véspera do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, no Museo de Pontevedra. O Sexto Edificio acollerá unha sesión de contacontos ilustrado dedicado a público infantil e familiar para que os nenos se acheguen á figura da célebre escritora. Non se require inscrición.

Finalmente, o luns día 24, a Deputación recibirá a "visita" da escritora Rosalía de Castro e do pintor e escritor Modesto Brocos. Durante a mañá ambos estarán en Pontevedra no Pazo Provincial e a súa contorna e pola tarde farán un paseo polas prazas e rúas de Vigo.