Síguenos en redes sociales:

As familias Bóveda, Caamaño e Paz súmanse á querela arxentina contra os crimes do réxime franquista

Os descendentes destes tres ilustres pontevedreses asinaron hoxe a súa adhesión á causa penal pola que leva nove anos loitando a xuíza María Servini no seu xulgado de Bos Aires

As familias Bóveda, Caamaño e Paz súmanse á querela arxentina contra os crimes do réxime franquistaGustavo Santos

"Agradecida sempre, por lograr facer neste momento no que estamos, de búsqueda de xustiza, me sinta cada día máis acompañada, co cal, cada día máis forte. Agradecida por permitir e iniciar este novo camiño aquí, aquí, onde meu pai tanto traballou pola Deputación, pola República, polo Estatuto, pola democracia; onde tamén defendeu iso ata que foi detido, tamén aquí. E aquí volta preso, ata que de novo é falsamente xulgado e inxustamente condenado. Aquí o futuro nos foi roubado, e aquí o presente comeza a reclamalo".

Con estas palabras, pronunciadas con sinceridade e valentía, e visiblemente emocionada, Amalia Bóveda dirixiuse aos centos de persoas que ateigaron esta mañá a Sala de Xuntas do Pazo Provincial da Deputación para presenzar un fito histórico: a adhesión de tres familias pontevedresas á querela arxentina contra os crimes franquistas.

No marco das xornadas contra a impunidade organizadas pola institución provincial, a primeira Administración pública de Galicia que apoia a vía xudicial contra os delictos cometidos durante a o réxime franquista, descendentes de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz asinaron a súa adhesión á querela arxentina, unha causa pola que leva 9 anos loitando a xuíza María Servini dende o seu xulgado do Penal de Bos Aires, posto que os tribunais españois non asumen este labor, rexeitando e botando abaixo todas as causas que se intentaron interpoñer.

Na súa intervención, Begoña Caamaño, leu en voz alta a sentenza de morte coa que condenaron inxustamente ao seu avó, quen fora presidente da Deputación pontevedresa no ano 31. "Neste acto, e coa sinatura de hoxe, reivindicamos a anulación das sentenzas de morte por traizón á patria, dunhas persoas cuxo único delito foi manterse fieis á legalidade e opoñerse a un levantamento militar a un Goberno elexido tras unhas eleccións democrácticas. Papá, abuela e tías, isto vai por vós".

Malia que inicialmente tan só estaba previsto que dúas familias asinaran a adhesión á causa, a familia Paz converteuse na terceira de Pontevedra, tras a de Alexandre Bóveda e Amancio Caamaño, en sumarse a esta querela que procura a restauración da verdade, da memoria e da dignidade dos milleiros de familias que foron perseguidas, vexadas, violadas, asasinadas e repudiadas, ata sumar máis de 5.000 na Galicia.

"Estamos aquí porque hai que estar. Polo noso avó e polo noso pai, que loitou toda a vida contra esta inxustiza. E que hoxe xa non está". Estas foron as palabras de Anxo Paz, neto do impresor Ramiro Paz fusilado o 12 de novembro do 36 na Caiera, trala sinatura da súa adhesión á querela arxentina contra os crimes franquistas.

Pulsa para ver más contenido para ti