O Pazo da Cultura acolleu onte o acto de apertura de dúas mostras que revisan a historia recente de Galicia desde diferentes ópticas. Trátase de "A intimidade da imaxe", exposición que olla cara a Galicia da transición a través das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949), e "Alba de Gloria", unha proposta que recrea e contextualiza o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida.

A comisaria de "A intimidade da imaxe", Margarita Ledo, destacou na inauguración o valor da fotografía de Turbau, á que definiu como "unha fotógrafa especial" e da que destacou "a ollada do obxecto retratado sobre a cámara cunha fotografía consciente e auténtica".

Polo que respecta a "Alba de Gloria" , o discurso no que enumera as grandes figuras da cultura galega, o seu comisario, Manuel Gago, destacou o proceso de elaboración desta mostra que tiña o desafío de poder "trasladar ao público a emoción, trasladar un discurso que sabemos que tivo unha grande acollida entre o público". As duas mostras poderán visitarse ata o 25 de agosto. O alcalde, Miguel Fernández Lores, encabezou onte a presentación e suliñou o valor e a proposta novidosa dos seus formatos así como a importancia de reflexar o país desde a vangarda. A inauguración contou coa presenza da concelleira de Cultura, Carme Fouces, e dos dous comisarios das exposicións.