Nunha sala do Sexto Edificio do Museo ateigada de público e cun acto cargado de emotividade, Pontevedra celebrou o Día de Rosalía. Fíxoo poñen en valor a súa cara máis reivindicativa da man da artista Ugía Pedreira e da escritora Eva Mejuto. Foi esta quen deu lectura ao manifesto redactado pola xornalista Ana Romaní, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG).

Encargause de destacar o perfil máis crítico, combativo e reivindicativo, así como a defensa de Rosalía do país e das clases máis populares, sen esquecer a súa valentía para denunciar as inxustizas sociais e as discriminacións que sofren as mulleres.

Ugía Pedreira aproveitou esta xornada reivindicativa das letras galegas para estrear unha performance orixinal titulada "Rosalía, o Ramallo da Pedreira" a partir de textos rosalianos. A cantautora presentouse en solitario cos sete poemas de "Vaguedás", completando a musicalización de "Aquelas que cantan", de Uxía, e facendo unha ponte sonora e performática compoñendo os tres poemas que están antes de "Nunca suspiro" musicado por Fran Pérez.

O colofón final correu a cargo de A Banda da Loba, un grupo musical integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, cun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres.