A académica, cineasta e catedrática Margarita Ledo Andión recolleu onte o Premio Otero Pedrayo nun acto institucional presidido pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Na entrega oficial do galardón tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a académica e escritora, Fina Casalderrey, que como membro do xurado foi a encargada de glosar a figura de Margarita Ledo. A cerimonia, con claro acento feminino, contou con música interpretada polas dúas integrantes de "Xonxas" e á galardoada foille entregada unha escultura da artista nacida en Silleda, Elena Colmeiro.

Tanto Carmela Silva como Xosé Leal cualificaron a figura de Ledo Andión como "un expoñente da cultura de excelencia do noso país" e salientaron elementos claves da súa traxectoria profesional como a "defensa da lingua galega e a difusión da cultura propia no exterior", así como a súa dimensión de "creadora comprometida en ámbitos como o da memoria, o feminismo e as liberdades individuais e colectivas en múltiples eidos". Xosé Leal, encargado da apertura da cerimonia, afirmou que "somos moitos os fillos e as fillas de Margarita Ledo que hoxe traballamos na construción deste país, grazas á súa faceta académica e á pegada que deixou en nós". Pola súa banda, Carmela Silva, na clausura do acto, salientou especialmente "a valía profesional de Margarita, que está hoxe aquí por méritos sobrados, e como exemplo de persoa loitadora e valente na defensa dos seus principios". A presidenta da institución provincial aproveitou a súa intervención para reivindicar unha vez máis "a necesidade de visibilizar a valía e o esforzo das mulleres, porque este premio é un exemplo do arraigado que aínda está o sistema patriarcal, que en 40 anos de historia nunca ata o día de hoxe recoñecera o traballo dunha muller". Neste sentido, indicou que este ano 2018 será especialmente significativo na visibilización feminina no ámbito da cultura ao serlle dedicado o Día das Letras Galegas a María Victoria Moreno, e o Día Mundial da Poesía a Xohana Torres, despois de que as figuras femininas quedaran historicamente relegadas en premios e conmemoracións, e citou como exemplos que o Premio Nobel de Literatura só lle foi concedido a 14 mulleres en 116 anos de historia, o Premio Cervantes a 4 mulleres fronte a 36 homes, e o Príncipe de Asturias das Letras a 6 mulleres fronte a 31 homes.

Intervención de Ledo

"Otero e as pequenas transgresións" é o título que a homenaxeada escolleu para a súa intervención, na que fixo un amplo percorrido por aquelas facetas de Otero Pedrayo que influíron na súa propia traxectoria e compromiso, facendo especial fincapé no eido da lingua galega. "A lingua salva a Otero e sálvanos a nós. Por iso estamos acó hoxe", asegurou rotunda Margarita Ledo ao respecto. "Aprendeume, como investigadora, a percorrer o mar de Amadís en proxectos europeos con Gales e Bretaña, termou de min na diáspora, indicoume o camiño para os confíns do norte e, dende o persoal no político, a confiar na materia galega en todos os eidos e expresións, na intersección cultura/comunicación, en lugares coma a escrita, o cinema, a docencia e a investigación" engadiu Ledo, que precisamente ocupa na Real Academia Galega a cadeira que leva o nome de Ramón Otero Pedrayo.

Ledo Andión tamén centrou parte do seu discurso na súa posición a prol dos dereitos das mulleres e encardinou esta loita coa historia política do país e co papel xogado por Otero Pedrayo nos tempos da República, afirmando que "medrei en familia republicana; daquela República na que Otero foi deputado en Cortes e onde lle dixo si, con Castelao, ao dereito das mulleres a votar, a ser cidadás plenas. Por iso este día ampla o seu sentido ao entrecruzárense sinais múltiplas: os 130 anos do nacemento de don Ramón e, singularmente, -como se lle deu en chamar en evocando o cadro de Castelao- os 60 anos da "derradeira lección de Otero" e primeira en galego, na Universidade de Santiago para alén da semana do 8 de marzo na que terán lugar unha restra de accións para chamarmos a atención sobre un devalo -termo tan oteriano- que intensifica os mecanismos, visíbeis e latentes de control, submisión e desprezo de nós, cuxo signo meirande é o feminicidio, labrado dende toda caste de desigualdade no ámbito persoal, laboral, público ou privado, que dende Guatemala conseguiu situar no vocabulario xeopolítico e xurídico a morte e a violencia contra das mulleres coma signo dun abismo do que soamente un xiro político colectivo, aquén e alén, nos pode tirar".

Eloxios de Fina Casalderrey

No nome do xurado tomou a palabra a escritora e académica, Casalderrey, que cualificou a Margarita Ledo como "muller intelixente, inqueda, arrichada, tenaz, transgresora, independente, coherente coas súas conviccións, de sensibilidade non finxida, coqueta, segura de si mesma, leal a si propia".

Fina Casalderrey, que titulou a súa intervención "Margarita Ledo, a muller dos zapatos andantes", na súa ampla glosa da figura da gañadora tamén quixo deixar constancia da súa faceta de intelectual comprometida e do seu traballo moitas veces a contracorrente pero sempre con Galiza e coa cultura e o idioma galegos como referencia imprescindible. "Porque ela é unha fervenza de militancia e inconformismo, de entusiasmo resistente. Unha insubmisa, comprometida co país dende moi nova, que sabe que voir emsemble nos fai ver mellor. Unha intelectual á que lle naceron ás para voar por riba dos tellados do mundo -como augurou a señora Amparo, esa nai cun sentido común fóra do común-, levando canda si a lingua, a literatura, o xornalismo, o cine? como valores xenuínos de Galicia" asegurou Fina Casalderrey.

Tamén utilizou unha carta que Margarita Ledo lle remitira a María Victoria Moreno en 1973. María Victoria Moreno seleccionara a Margarita para participar na antoloxía bilingüe "Os novísimos da poesía galega" e solicitáballe unha sorte de autobiografía. Fina Casalderrey leu o seguinte extracto da misiva, para dar conta do seu compromiso e das súas conviccións: "Querida María Victoria: Vouche contestar (como poida) ás túas preguntas. Fágoo en galego porque penso que o seu uso é importante a todos os niveis, non só a nivel literario. Non cres? Non quero que pareza pedantería, pero a lingua é cotiá coma o traballo ou as inquedanzas".

A académica e escritora fixo un percorrido pola traxectoria da galardoada e polas súas múltiples facetas profesionais, poñendo o acento sobre a súa mirada anovadora e a súa especial sensibilidade.