O Museo de Pontevedra, institución dirixida durante décadas por Xosé Filgueira Valverde, acolleu onte a presentación do Boletín da Real Academia Galega nº 376, dedicado na súa parte monográfica ao intelectual pontevedrés. Dispoñible en versión dixital en academia.gal desde onte, recolle máis de vinte textos sobre o protagonista do Día das Letras Galegas de 2015 nos que se profunda nas "moitas especialidades cultivadas por aquel inmenso polígrafo que se chamou Xosé Filgueira Valverde", salientou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero. "A presentación deste boletín tiña que ser en Pontevedra porque Filgueira Valverde é a figura central, aínda que non exclusiva, deste número", engadiu Xesús Alonso Montero, para quen este Boletín é un dos "máis ricos dos últimos lustros, período no que non escasean volumes de considerable riqueza".

No acto, coorganizado pola RAG, o Museo de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra, Xesús Alonso Montero compartiu mesa de presentación co director da institutición, Carlos Valle; o presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do erudito, Fernando Filgueira Iglesias, e a profesora do Campus de Pontevedra Mari Lires.

Carlos Valle agradeceu o "agasallo" que supón para o Museo acoller a presentación pública deste volume, que "case merece ser chamado extraordinario", tanto pola "importancia e transcendencia" dos estudos que inclúe arredor de Filgueira Valverde como polos demais contidos.

O Boletín, recolle dezaoito comunicacións presentadas en novembro de 2015 no Simposio Filgueira Valverde na cultura galega do século XX e mais a conferencia inaugural desta cita, a cargo do académico de honra Arcadio López-Casanova.

O presidente da Fundación Filgueira Valverde agradeceulle á RAG tanto a celebración do Simposio Filgueira Valverde como a publicación dos traballos expostos naquel encontro. "Os que tivemos a dita de podermos asistir ás xornadas quedamos verdadeiramente abraiados polo acaído dos temas e a intensidade do labor realizado por todos os relatores para acadar un alto nivel científico e literario que foi poñendo sobre a mesa as distintas facianas do labor realizado por Filgueira Valverde, como investigador e como colaborador de institucións con vocación de perdurar e que foron, e seguen sendo, fundamentais para o desenvolvemento cultural de Galicia", subliñou o fillo do autor.

"Hoxe temos a honra de recibir en Pontevedra este espléndido volume que pon brillante final ao que foi o ano das Letras Galegas 2015, que nos encheu de fonda alegría e agradecemento", proseguiu Fernando Filgueira. "De seguro que non hai mellor monumento para lembrar unha persoa como foi Filgueira Valverde que un libro no que se recolla o que foi, o que fixo e o que achegou para o enaltecemento da cultura galega e cumprir o seu anceio de facer país", concluíu.