De novo un espectáculo irrepetíbel, Cantos da Maré encheu onte o Pazo da Cultura de Pontevedra de autenticidade, alegría e irmandade dos pobos, nun baile de sons dun e doutro lado do Atlántico. Neste 2017 o Festival da Lusofía tivo un gran protagonista, o recentemente falecido músico galego Fran Pérez, Narf, lembrado e celebrado polo seu irmán musical, Manecas Costa.

Ademáis do músico de Guiné, subiron ó escenario o artista convidado, Santiago Auserón, a portuguesa Celina da Piedade, o angoleño Paulo Flores, a galega Guadi Galego e a brasileira Kátya Teixeira, nunha aposta por tender redes e festexar a lingua da que somos berce. O público ateigou o auditorio para seguir o espectáculo, no que tiveron cabida dende o cante alentexano ás sonoridades brasileiras. Paulo Borges dirixiu a banda e tamén participou a directora artística, Uxía, que sabe como resumir Cantos na Maré: "Árdelle o eixo!".