Irmáns, maestros e poetas. Xoán e Aurora Vidal, aínda con diferencias biográficas, compartiron tempo histórico, aficións, ocupación profesional e amigos, un extenso grupo da mesma xeración con nomes como Manuel Cuña Novás, Sabino Torres, Emilio Alvarez Negreira ou Álvaro Cunqueiro.

Un século despois do seu nacemento (en 1904 en Salcedo Xoán Vidal e en 1910 Aurora Vidal) a casa familiar foi punto de encontro de representantes da cultura galega para lembrar a estes dous autores na rúa que viu os seus primeiros pasos.

A casa está na rúa Soportais, unha das máis emblemáticas da cidade e onde onte o alcalde, Miguel Fernández Lores, descubriu unha placa conmemorativa.

Ésta lembra as datas biográficas de ambos poetas. No caso de Aurora Vidal, non foi o único homenaxe das últimas semanas xa que o colexio Campolongo, onde exerceu como mestra, adicoulle as actividades do pasado Día do Libro no aniversario do seu nacemento.

Lembraron entón a esta autora que chegou a correspondente da Real Academia Galega (na que ingresou en 1952) e que escribiu desde moi nova en revistas literarias. En 1946 sal do prelo da impenta Peón de Pontevedra a súa primeira obra, o romance Camino de Belén, con ilustracións do pintor Manuel Torres.

Dous anos depois publica a súa primeira obra poética e, xa académica, edita Poemas de nenos e paxariños, considerada a súa principal contribución á literatura galega.

Pola súa banda, Xoán Vidal é un autor de mérito en galego e en castelán. Autor de Magoas, Evasión, Alcor, Voz y memoria, Poemas galegos ou Palabra llana, tamén desenvolveu unha intensa labor xornalística e fundou con destacados intelectuais as revistas "Hebe", "Alborada" e "Cristal".

Esta última publicación constituiu todo un fito na cultura galega dos anos trinta, con colaboracións como a de Xosé María Álvarez Blázquez (integrante con Xoán Vidal e Amado Carballo da xeración do 25), Federico García Lorca (que publicou nela un poema) ou o arquitecto Alejandro de La Sota.

Se a súa hirmá se decantou na postguerra por unha intensa labor cultural na cidade (foi dramaturga e escenógrafa de sona), Xoán Vidal tivo anos antes unha activa participación política e fundou con con Castelao o Partido Galeguista de Pontevedra.

A pesares do seu gran talento, aparcou a poesía tra-la guerra e os exilios e fusilamentos dos seus compañeiros de xeración.

Os estudiosos da súa obra sinalan especialmente que a pesares da derrota porfiou sempre na ensinanza en galego dos máis novos; tamén suliñan o seu esforzo por rescatar a memoria propia e de outros poetas do esquecemento ao que pensaba condealos a postguerra, facendo realidade os versos da súa irmá: "Amo a verdade porque embelece o espirito e enche os ollos de claridades".