Vanesa Martínez / O morrazo

Despois do inicio da actividade da Plataforma pola Supresión da Peaxe, hai sete anos, o moañés Manuel Méndez volve retomar a presidencia do colectivo cidadán. Trala dirección desenvolta polos presidentes Modesta Riobó e Jesús Cancelas, a plataforma antipeaxe afronta a que considera unha etapa "que pode ser a última" e para a que mantén un lema: "A marcha pola supresión da peaxe continúa...goberne quen goberne"

- Cales son os seus obxectivos inmediatos nesta etapa?

- Primeiro cumprir o mandato da asemblea xeral e iniciar unha ofensiva mediática e institucional solicitando entrevistas ao máximo nivel, da conselleira de Política Territorial ao presidente Touriño. Temos que seguir poñendo enriba da mesa esta inxustiza que se comete cos que cruzamos a Ponte de Rande ou viaxamos de Pontevedra a Vigo por un tramo de autoestrada que ten un prezo por km dobre ou triple que outros da propia AP-9. Tamén é inxusto pagar por entrar en Chapela desde Vigo ou vindo de Puxeiros.

- En canto ao futuro do bono-peaxe, ¿cre que é a solución definitiva para Rande ?

- Nos estatutos da Plataforma fálase da liberación de peaxe de Rande para todos, tamén da entrada en Chapela e dunha rebaixa mínima dun 50% no tramo Vigo-Pontevedra. Agora non imos renunciar a nada, mais ben podemos aspirar a que se libere a medio prazo a totalidade do tramo entre as dúas cidades. Respecto do bono-peaxe, aceptámolo como unha medida provisional que aínda debería ser mellorado, ampliado a toda a poboación. Fomento debería facerse cargo do tema e non que os galegos nos esteamos autopagando a peaxe con fondos propios.

- ¿Van permitir que a Deputación provincial retire a súa financiación?

- Haberá que falar seriamente co presidente da Deputación, quen reclama agora o que non fixo cando gobernaba o seu partido. Temos que lembrarlle que foron a Xunta e mais a Deputación os que puxeron en marcha o bono-peaxe, que teñen asinado un convenio ata finais de 2006 e que deben cumprir os seus compromisos e non ameazarnos con suprimilo á fin deste ano. Neste momento hai máis de 14.000 usuarios do bono-peaxe e uns 8.000 somos habitantes do Morrazo. Pedímoslle que sexa prudente e que non tome esa decisión porque provocaría un conflicto social.

- Nunha das visitas da campaña electoral reclamaban a Touriño que non prometera o que non pode cumprir...

- Estabamos fartos de promesas, de que se utilizara o tema da peaxe de Rande en todas as campañas, especialmente o PP. E cando o actual presidente da Xunta dixo que se faría unha nova autoestrada entre Pontevedra e Vigo e que se liberaría a totalidade do tramo Vigo-Pontevedra, incluída a Ponte de Rande, sonábanos moi lonxano. Este tema depende de Madrid e aquí sucedeu que a Xunta non soubo reclamar como fixeron outros.

- Tiveron un mal comezo coa non inclusión da supresión no pacto PSOE-BNG. ¿Que medidas van acometer para superar esta situación?

- A solución pasa porque a nova Xunta reclame ao goberno central que negocie con Audasa e cheguen a un acordo poñendo cartos se é necesario; por exemplo devolvendo unha parte dos 1.600 millóns de euros que ingresaron pola privatización hai pouco tempo. Nós seguiremos reclamando esa vía. As batallas que se gañan son as que nunca se abandonan e non temos pensado retirarnos. Ogallá que nesta carreira de fondo ou de relevos esta sexa a última etapa. Temos a esperanza de que agora os partidos no poder non nos defrauden.