Del Caño desvela en dous libros as teimas e anécdotas dos grandes escritores da literatura galega

“Osos de santo” e “Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias” son froito, confesa, da súa “fascinación” polos autores galegos

Xosé Manuel Del Caño, onte na presentación dos libros, na Biblioteca Nós.

Xosé Manuel Del Caño, onte na presentación dos libros, na Biblioteca Nós. / Iñaki Osorio

Manuel Rivas non escribe sen un vaso de auga ao lado e unha “saba de papel” debaixo do teclado no que anota e debuxa a medida que avanza a obra compoñendo os seus particulares “mapas literarios”. Fina Casalderrey enche unha habitación de libros abertos e marcados por todas partes que non recolle ata rematar o novo libro. Rexina Vega merca unha bola de neve cada vez que comeza unha obra e Antón Reixa muda as zapatillas de casa por zapatos cando escribe poemas. Pola contra, Francisco Castro e Inma López Silva escriben descalzos. “Conforman unha parella que o comparte todo, ata a maneira de escribir, cos pés no chan, sen zapatillas nin calcetíns”. Teimas e costumes que son parte da técnica e dos rituais dos escritores cando se sitúan ante o folio en branco.

Así o recolle Xosé Manuel Del Caño, escritor e xornalista que desenvolveu a súa traxectoria en Faro de Vigo, no seu novo libro “Osos de santo”, que onte presentou na Biblioteca Nós de Ourense, xunto con “Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias”, que publicou en 2022. No primeiro fai un relato sobre a maneira de escribir e as teimas persoais de 30 autores galegos, e no segundo recolle os extractos que quedaron no tinteiro e as anécdotas que viviu como xornalista con grandes escritores, artistas e políticos galegos.

Rivas exporá os seus "mapas literarios"

A presentación tivo lugar na Biblioteca Nós, coa intervención, ademáis da responsable do centro, Rosa Díaz, do director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García, e da xornalista Mónica V. Lopo. No acto, De Caño desvelou algunha das teimas que recolle no seu libro e anunciou que Manuel Rivas exporá os “mapas literarios” da súa obra. O propio autor de “Osos de santo” está facendo as xestións para que sexa a Biblioteca Nós a sala na que esta mostra incie o seu percorrido por Galicia. “Rivas é o maior referente da literatura galega no exterior, a súa obra foi traducida a máis de trinta idiomas; os mapas literarios de cada libro que escribiu son verdadeiras pezas de museo”, adianta Del Caño Neste libro revela tamén que Manuel Rivas defínese coma un autor “campo a través” na elaboración da súa obra. “Vai abrindo o carreiro. Ten un punto de arranque, un detalle, normalmente miúdo, unha especie de faísca, de iluminación”, detalla Del Caño. Un escritor “comuneiro” nos inicios da obra porque fala e escoita moito á xente, pero que se vai convertindo “nun lobo solitario”.

Trinta autores

Así vaise achegandoo escritor e xornalisa a trinta autores que falan da súa maneira de escribir e das súas costumes ou manías cando se sentan diante do ordenador. En “Un tiro para Ferrín e outras historias” xa recollía anécdotas de moitos escritores. O certo, sinala Xosé Manuel Del Caño, “é que estes libros mostran, sobre todo, a miña fascinación por grandes escritores da literatura galega”.

Ligado ao libro “Ósos de santo” está o suceso do crime do cura de Vilanoda dos Infantes, Adolfo Enríquez, e o roubo da Virxe do Cristal que custodiaba o sacerdote. O propio Del Caño e o colectivo Amigos do libro galego reuniron a obra de máis de 30 artistas que elaboraron pezas homenaxe. Parte delas poden visitarse na Biblioteca Nós ata o 27 de abril.