Willy, un home que “naceu namorado do mundo”
Pesar na comunidade universitaria polo falecemento de José García-Calvo, coordinador dos roteiros
“Onde está, que non a atopo,/ esa patria tan ben feita?/ Eu vou polo mundo adiante/ camiñando detrás dela...”. Estes versos de Celso Emilio Ferreiro están ao pé da magnolia que José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros culturais da Universidade de Vigo, plantou o pasado mes de novembro nos xardíns do campus de Ourense. Foi na celebración dos 25 anos das andainas universitarias.
Cun cancro xa avanzado, ese acto foi tamén unha homenaxe a el e a súa despedida da comunidade que ao longo destes anos teceu ao seu redor, segundo recolle o Duvi, o diario dixital da UVigo. Eses versos foron os escollidos polos seus compañeiros para homenaxear a súa figura. Este luns José García-Calvo faleceu e a comunidade universitaria súmase ao pesar de familiares, amizades e cantos o coñeceron.
Willy, destaca o seu amigo Rodrigo Alberte, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense, “naceu namorado do mundo” e a súa “gran debilidade eran as persoas”. Así, lembra, era xeneroso, acolledor, agradecido, entusiasta e sobre todo apaixonado da vida, “unha persoa moi popular e moi querida por méritos propios” tanto dentro como fóra da comunidade universitaria. “Foi coronel en praza en todas as facetas da vida, honesto e exemplo de valor e dignidade, sal de todas as conversas, explorador da vida en maiúsculas, inimitable e irrepetible, que tivo a familia como a súa razón de ser, o amor como a súa palabra, a paixón como o seu xeito de vivir e a palabra amigo como a súa forma de perpetuarse en nós”, subliñou.
Temas
Más en Ourense
-
Muere un motorista en una salida de vía en Bande
-
Controlado un incendio forestal en Avión que pudo originarse por un rayo
-
Sanidade sustituye a los gerentes de las áreas sanitarias de Ourense, Santiago y Ferrol
-
PSOE y BNG piden un pleno urgente para atajar el agujero económico del Concello, con 32 millones de deudas y servicios caducados