Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“O Couto Mixto son hoxe tres aldeas como calquera outras, hai que darlle un futuro”

Xosé Manuel Cid, decano de Educación e Traballo Social, dirixirá a Academia do Couto Mixto. | // IÑAKI OSORIO

O Couto Mixto foi durante sete séculos un territorio independente dos reinos de Galicia e Portugal, una república esquecida conformada polas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus, nos actuais concellos de Calvos de Randín e Baltar, na Raia Seca. Nese territorio transfronteirizo no que os veciños escollían nacionalidade poñendo unha letra na porta e que foi refuxio para os perseguidos reúnense anualmente desde fai dúas décadas os Amigos do Couto Mixto, una asociación que loita por manter viva a simboloxía desta terra e o seu pasado histórico, antropolóxico e cutural, e por darlle tamén un futuro que garanta a súa conservación como patrimonio singular.

Con este obxecto, o colectivo presidido por Luis García Mañá acordou na súa última reunión crear una Academia de ciencias sociais que, co nome do Couto Mixto, traballe na busca de fórmulas “que poidan servir cara o futuro na procura de apoio a estes territorios buscando modelos de crecemento económico, medio ambiental ou tecnolóxico”, recolle a acta da sesión celebrada en abril.

O vindeiro sábado 2 de xullo, no acto de nomeamento dos novos xuices honorarios que terá lugar na igrexa de Santiago de Rubiás, a asociación dará conta da creación desta academia e da designación do socio e profesor universitario Xosé Manuel Cid como académico director. Neste evento simbólico, o docente e investigador recibirá a medalla de ingreso e os estatutos da denominada Academia do Couto Mixto.

Aposta polo rural

“Agora que xa me queda pouco para xubilarme faime moitísima ilusión adicar o tempo libre desta nova etapa a un proxecto desta envergadura. Porque supón volver ao rural no que nacín e de incorporar as ideas que fun adquirindo ao longo da vida; ideas pacifistas, transfronteirizas e de aposta polo rural e o medio ambiente”, sinala o tamén decano da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense.

Co acto de xullo arranca o proceso de creación da academia á que se irán incorporando progresivamente entre 15 e 20 profesionais dos diferentes ámbitos das ciencias sociais. Persoeiros que “deberán posuir uns determinados requisitos de competencia técnica ou doutras áreas do saber para que a través dos seus proxectos, estudos, etc. poidan chegar a institucións locais, estatais, e provinciais”, detalla a acta. Da elección de Xosé Manuel Cid para dirixir o proxecto, a asociación destaca a súa “traxectoria impecable” no ámbito universitario e ser “membro de múltiples asociacións científicas de renovación pedagóxica e culturais, dinamizador e defensor da cultura e da lingua galegas”.

"Trátase de reconstruir a idea do Couto Mixto sobre o patrimonio histórico, pero también sobre o futuro, na liña da aposta polo rural que hoxe está nas axendas de todas as administracións”

decoration

Explica Cid que “desde fai dúas décadas, a actividade da asociación redúcese a un acto anual de nomeamento de xuices honorarios, e xa antes da pandemia empezamos a pensar en facer algo máis, porque parece que así no se lle estaba dando a importancia histórica que ten unha entidade singular como esta”. Trátase, engade, “de reconstruir a idea do Couto Mixto sobre o patrimonio histórico, o que supón a nivel de historia, singularidade e cultura, pero también sobre o futuro, na liña da aposta polo rural que hoxe está nas axendas de todas as administracións e ideas política, sen que se fagan cousas concretas”.

O reto desta academia será “visibilizar o Couto Mixto, unha terra que tivo o seu esplendor como territorio independente e que hoxe son tres aldeas como calquera outras, cunha poboación envellecida, e sen perspectivas de progreso socieconómico”, sinala Cid.

Neses tres eixos, o patrimonio, a historia e o futuro vinculado tamén ao medio ambiente e a paisaxe, quere traballar a asociación a través da nova academia: “Son os pilares da futura sociedade, se non se mira cara estes territorios, mal vai a humanidade”, afirma.

Acto de nomeamento de xuices honorarios nunha edición anterior á pandemia, na igrexa de Santiago de Rubiás. BRAIS LORENZO

Armando Fernández, Consuelo Castro Rei e Diana Gonçalves, novos xuices honorarios

O ingresos do Xosé Manuel Cid como académico director terá lugar na igrexa de Santiago de Rubiás o 2 de xullo ás 12.00 horas, no marco do nomeamento dos tres novos xuices honorarios escollidos por unanimidade: Armando Fernández, Consuelo Castro Rei e Diana Gonçalves.

Armando Fernández é medico e escritor, e autor do Himno do Couto Mixto que a fadista María do Ceo interpreta neste acto central no entorno da igrexa. A letra e a música, recolle a acta, “é xa un referente para estas terras e para este singular acto de rememoración histórica, que sublima as peculiaridades ancestrais da capital da Raia Seca”.

De Consuelo Castro Rei, avogada xeral do Estado, a asociación destaca a “permanente defensa” que fai da cultura e da lingua de Galicia en todas e cada unha das súas actuacións profesionais. Ademáis, pola súa posición, “podería ser unha magnífica valedora perante institucións en defensa destes territorios transfronteirizos”.

Diana Gonçalves, directora de cine e guionista de televisión, é filla de pai portugués e nai galega e ten residencia en Tui e Valença, polo que “sempre vivíu unha vida transfronteiriza”. Dirixiu o documental “Mulleres na Raia” e achegouse á realidade vivida na fronteira galego-portuguesa a través da memoria das mulleres ‘trapicheiras’. A película recolle a testemuña de 8 mulleres de ambas marxes do río Miño que sobreviviron ás miserias da postguerra pasando mercadorias pola antiga ruta do contrabando entre Vilardevós e a aldea portuguesa de Segirei. “Unha homenaxe as mulleres que viviron a fronteira e loitaron por superar unha vida dura entre dous pobos irmáns en épocas nada doadas”, recolle o acordo.

Compartir el artículo

stats