A experiencia de En Marea foi abondo significativa do que foi un éxito electoral e un fracaso político. Seis deputados e deputadas que podían constituír un grupo galego, aínda que fose dentro do Grupo mixto do Congreso dos Deputados, ficaron diluídos dentro dun chamado Grupo Confederal. Seis escanos dunha forza que naceu como galega e que non tiveron voz propia cando chegaron a Madrid. Se de algo nos ten que servir a experiencia é para non repetir erros.

O espazo amplo aberto, verde e poboador do rural, indo adiante, non pode configurarse na Galiza se non parte da realidade nacional galega e da necesidade da soberanía política. Soberanía que no plano electoral estatal debería pórse como obxectivo lograr un grupo parlamentar galego no Congreso dos Deputados. Noso País meréceo. Mais nese ámbito está o BNG que ten que lideralo. O eido xa está ocupado, tan só poderíase compartir na procura dun goberno en man común no Reino de España.

De pouco vale sacar unha presada de deputados e deputadas galegas que unha vez en Madrid non actúen con soberanía. Nese caso acontecerá como cos parlamentarios galegos do PP e do PSOE, que responden aos intereses das súas direccións partidarias e non aos intereses do País no que foron eleitos. A soberanía política é para que non pase aquilo de que mexen por nós e teñamos que dicir que chove.

Coido que cómpre que os grupos do BNG e do espazo aberto e común, que están nos concellos, comecen a facer a pedagoxía precisa para confluír nas candidaturas dos concellos e para que se coñezan os principios, propostas e conviccións que inspiran esta alternativa da xente na Galiza, que de algún xeito xa o dixo nas pasadas xerais e galegas. É o BNG o máis acreditado para facelo, teñen que miralo dese xeito os do común, para Sumar, pedindo o voto para o Bloque, engadindo.

A muda da política, nada na Galiza, non foi quen de ficar galega, fora o que lle valera para ter o éxito que tivo; e desapareceu do Parlamento de Galiza o perder ese carácter, non é cousa de resucitala, trocada na Santa Compaña. Cómpre facer o camiño pola VÍA GALEGA, no que temos séculos de experiencia.