Escribo esta carta con total indignación despois de que me chamaran por 3ª semana consecutiva para confirmarme a anulación doutra sesión das clases de preparación ao parto coa matrona, así como a cita que tiña con ela para o seguimento do embarazo. Quédanme unhas 8 semanas para parir, se todo vai ben, pero penso naquelas que fai 3 semanas lles quedaban 4... Cando a miña médica marcha de baixa ou vacacións, aténdete outra, que debería ser substituta e non alguén con máis carga de traballo tamén, pero non quedas desatendida, que é o importante. Non podo entender que a matrona do centro de saúde Nicolás Peña de Vigo esté de baixa e non teña substituta nin nos manden a outro centro. Négome a pagar por servizos privados tendo unha sanidade pública exemplar, pagada por todas, con boísimas profesionais. Estou farta de ver como nos obrigan a tomar esas determinacións cando todo o país aporta para ter eses servizos. Xa non nos lembramos de aplaudir ao persoal sanitario e pronto volvemos ás rutinas da precariedade laboral... vergonzoso!