O “ferry” que une A Guarda con Caminha fai anos que quedou obsoleto. O motivo principal é que se trata dunha embarcación anticuada que precisa dun calado para navegar que o río non ten, a non ser que se fagan dragados permanentes cun alto custo ambiental e económico que serían ademais de dubidosa legalidade. As constantes avarías e un pantalán de atraque absolutamente abandonado por parte de Portos da Xunta de Galiza contribuíron tamén nos últimos anos a facer inservíbel este medio de transporte.

Non vou entrar a remover no pasado, nin nos acordos e desacordos entre as Administracións que no seu momento puxeron en marcha esta infraestrutura e a mantiveron no tempo. Chámanos a atención, iso si, que o Concello da Guarda teña a obriga de pagarlle a Portos da Xunta de Galiza un canon polo número de vehículos e persoas que utilizan o “ferry”. Resulta indignante que unha administración que non é capaz nin de manter en bo estado o pantalán de atraque desta beira do río, cobre unha peaxe a todas luces inxusta e discriminatoria para o Concello da Guarda e polo tanto para a súa veciñanza.

Recuperar dun xeito eficaz a comunicación con Caminha resulta fundamental para nós e coido que para Portugal. Precisamos dun compromiso serio entre o Goberno do Estado español, o de Portugal e a Xunta de Galiza para dotarnos dun transporte sostíbel para as dúas beiras do Miño.

Ao meu entender non se trata dunha grande infraestrutura. Sabemos do respecto co que hai que actuar nesta zona polo alto valor ecolóxico do esteiro do Miño, por certo un dos grandes atractivos da Guarda, que temos a obriga de conservar. Hai modelos polo mundo adiante que poderían ser aplicables aquí. Diso non me toca falar a min. Hai persoal técnico moi cualificado para indicarnos o camiño.

Entre todos, urxe poñernos mans á obra. O BNG vai presentar no Parlamento Galego e no Congreso do Estado así como no Pleno do Concello da Guarda iniciativas para poñer en marcha unha comunicación eficaz e sostíbel con Caminha. Por nós non vai quedar.