Tras coñecer as infeccións que se produciron nas granxas peleteiras de visóns (en concreto, na de A Baña), redúcese cada vez máis a miña esperanza no progreso da nosa especie. Está claro que esta catástrofe ía ocorrer antes ou despois en España, tras térense dado casos en Dinamarca. Unha vez máis, os gobernos autonómico e central fan o que mellor se lles dá: mirar cara outro lado.

Resulta moi pouco comprensible que sigan abertas por todo o mundo este tipo de explotacións, anacronismos que perpetúan a tortura animal coa excusa de satisfacer os caprichos dunha elite. Agora, a súa xa nefasta condición agrávase, ao converterse tamén en focos de propagación do coronavirus.

Canto tempo ten que pasar ata que nos decatemos do disparate que significa manter estas prácticas aberrantes? Ten lóxica matar a uns animais que non se comen, só para arrincarlles a pel? Unha vez máis, son estes os que pagan as consecuencias, tendo que ser sacrificados (prematuramente) para evitar a propagación da enfermidade.

Mágoa que esta solución non poña fin a outro patóxeno moito máis contaxioso e letal, contra o que non existe vacina algunha: a estulticia humana.