"Lingoa proletaria do meu pobo, eu fáloa porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña". Así comeza un coñecido poema de Celso Emilio Ferreiro, da súa singular e rebelde obra Longa noite de pedra. Propugna que todos os galegos e galegas teñen o dereito de usar a súa lingua sen lles importar o que o mundo poda pensar, e por desgraza, dende a época de C.E. Ferreiro e dende moito antes, esta situación non se dá tan comunmente.

Temos o dereito a falar no que desexemos, e que ninguén nos inflúa, pero aínda así, quero aportar un argumento máis, un dato empírico, que a moita xente, sobre todos aos pais preocupados pola educación dos seus fillos, lle vai parecer, como mínimo, interesante no favor desta lingua minoritaria e minorizada.

Guiándonos polos expertos, polo traballo de dous profesores universitarios de Psicoloxía, Miguel Pérez Pereira e Xosé Ramón García Soto, pódese asegurar, con base empírica e estatística, que os nenos educados en familias bilingües (galego e castelán principalmente) usan unha linguaxe máis abstracta, flexíbel e morfosintacticamente máis complexa ca aqueles nenos e nenas educados en familias que usan só unha lingua para se comunicar. No seu artigo "El diagnóstico del desarrollo comunicativo en la primera infancia: adaptación de las escalas MacArthur al gallego" discuten os resultados da aplicación dunha adaptación ao galego do test MacArthur, un test dedicado ao estudo do desenvolvemento lingüístico en nenos de 8 a 15 meses ou de 16 a 30 meses, a unha amplísima mostra de infantes procedentes de familias monolingües galegofalantes ou bilingües. As posteriores análises estatísticas amosaron que a vantaxe dos nenos educados neste segundo tipo de ambientes era significativa no uso e comprensión da linguaxe e na produción e complexidade de frases.