Velaí recén remodelado o vello barrio do Gorgullón que sempre foi camiño de paso, primeiro por alí pasaba a calzada romana a vía X1X, logo paso de peregrinos camiño de Compostela, na nosa infancia era como o noso barrio da Virxe do Camiño, un camiño de terra cheo de fincas e baches a carón do río dos Gafos que compartiamos en boa veciñanza. Eles tiñan a zona do meandro do muíño do Coto ata a antiga pontella dos Pasais e nós dende Ponte Boleira ata a ponte da Taboada. Todos os veciños mesturados en boa veciñanza atopabanos nos muíños e lavadoiros, lugares de encontro na contorna do río, os cativos agatuñando polos árbores a cortar pólas para as fogueiras polo san Xoán e leña para as cociñas, rapañabamos froita nas árbores frutais que agromaban ventureiras nas beiras, bayas para facer tiracrois e canas dos canabais para pescar, dese recuncho apañabamos todo o necesario para facer os Maios. No tempo da calor foi a nosa zona de baños, da vía do tren colliamos o carbón para as lareiras. No noso barrio tiñamos un cruceiro e un muíño de vento e eles a cheminea da curtidoira e unha fonte, e un equipo de fútbol conxunto, o Avenida. Non tiñamos máis pero para nós era o paraíso.

O río dos Gafos e o paso do tren a carón dos dous barrios foron o nexo que nos unía. Se non fora polo río seriamos un suburbio máis da cidade. Unha ponte de pedra facía de fronteira cando xurdía unha liorta entre pandiñas. Despois taparon a vía do tren e xurdiu a moderna rúa de Eduardo Pondal, e o Gorgullón abandoado a súa sorte esmoreceu, so os veciños e peregrinos de paso sabían del, pasou a ser patio traseiro e saída de coches da nova rúa. Agora o Gorgullón renace con novos folgos ca completa remodelación, convertido nuha moderna rúa peonil chea de vida cas Pereiras de Flor que a embelecen, sendo para min unha das rúas máis fermosas da cidade para paseala e desfrutar con moitísima máis calidade de vida para os veciños e peregrinos que nunca o abandoaron. Ás veces uns pequenos detalles embelecen a cidade, unha rotonda chea de flores ou unha escaleira feita con harmonía coa súa contorna como a que se fixo na rúa do Muíño que dá acceso e comunica a rúa de Eduardo Pondal e o Gorgullón.

Nos soleados días da infancia donde cada intre era un paxaro e unha aventura nos tempos do pan de figo e das tendas de mercar ao fiado e as entrañabeis leiteiras antes do plástico, os barrios foron a nosa patria e nós, os veciños do Gorgullón e da Virxe do Camiño, pese á fame e miseria naquela época con nosos pais e nais facendo milagres para saír adiante, na nosa infancia dalgún xeito fomos uns privilixiados ao vivir nun entorno natural e fermoso, era como se viviramos na aldea dentro da cidade, despertabamos co asubío do tren ao entrar na estación e o murmurio do río e o trino dos paxaros no abrente da primavera onde aínda no ceo voavan ceibes andoriñas e estorniños.

Daquel tempo xa non están a cheminea nin o muíño de vento que foron o noso faro onde albiscabamos o futuro, tapáronos o tramo do Gafos que foi parte principal na nosa infancia, todo xa só fica na memoria. Parabéns pola recuperación dos dous barrios onde trascurreu a miña infancia.