Foron sonadas as entrevistas que lle fixeron Joaquín Soler e Paloma Chamorro cando xa era vella; forxaron a lenda de muller extravagante, esotérica e irreverente. "Fodín tanto e con tantas persoas que os nomes se me amorean na memoria".Ía pintada de máis e con roupa de moitas cores. Cadraba ben coa Movida Madrileña que precisaba de iconas.

A viveirense afíncase en Madrid cando era unha festa. Unha sociedade entusiasta que quería mudar o status quo. Fórmase na Academia de Artes de San Fernando. Era a única muller que ía sen acompañante. Introdúcese na atmosfera dos barrios. Saía de noite con Lorca, Buñuel, Benjamín Palencia ou Salvador Dalí. Rompía así as barreiras que limitaban ás mulleres. Mallo laiábase de que "o colexio nos condicionaba a ser hipócratas".

Nos anos vinte e trinta convertiuse nunha das primeiras sin sombreiristas; por isa irreverencia lle guindaban pedras cando paseaba pola Porta do Sol. Formou parte da Cofradía da Perdiz. Hai unha lenda que di que conseguiu acceder ó Monasterio de Silos, vedado ás mulleres, facendo uso do travestismo. Maruxa, que amosa a súa paixón polo deporte en varias obras, entrou na Igrexa de Arévalo montada nunha bicicleta.

Mantivo con Alberti unha relación amorosa da que non queda rastro nas memorias do poeta. Porén, as súas creacións entraron en comunicación. Non só foi musa e amante de Miguel Hernández senón que as súas obras mantiveron unha especial simbiose.

Marchou a París para formarse en teatro e escenografía. Triunfou. Ata coa aprobación de André Bretón. Retorna porque quería participar nunha arte nova ó servizo da sociedade.

Regresa a Galicia. Atopábase en Bueu cando estala o Levantamento Militar. Alí forxara un interesante círculo de amizades, entre eles se atopa o sindicalista trotskista Alberto Fernández Martínez, que era amigo de Granell. Ela ten que exiliarse. Marchou a América vía Lisboa. É ben recibida. Dende o exilio, en 1938, envía unha carta a La Vanguardia. O retrato veraz do que sucedía en Galicia. Cita os represaliados Alexandre Bóveda e o xornalista Carballeira. O seu anfitrión nas Indias foi Neruda, co que xa trabara amizade en Madrid. Maruja reside en Bos Aires pero viaxa por moitos países. Chile apórtalle unha enerxía especial.

Tras vintecinco anos no exilio retorna a Madrid nos anos sesenta. A cidade xa non era a súa. "Os meus amigos están enterrados ou desterrados. Eu soa no Hotel Palace. As galerías cheas de pintura informalista que é un estilo totalmente franquista".