Segundo a LOE a Administración Educativa disporá de profesionais cualificados para a atención ao alumnado con necesidades específicas. Até o momento tiñan que demostrar os seus coñecementos a través de cursos de habilitación ou probas de oposición.

O Real Decreto 276/2007 de acceso á función docente continúa a contemplar, para o ingreso no corpo docente, a obriga de superar unha proba de oposición. O mesmo acontece cos funcionarios cando pretenden adquirir unha nova especialidade.

A partires do próximo curso, nos centros educativos de Galicia atoparemos mestres que van ocupar prazas de Educación Especial sen teren coñecementos da citada especialidade, poisque a Administración váillelo permitir sempre que asinen, deixando en branco, o exame de oposición.

Vosté sabe o que é o Síndrome de Asperger, Síndrome de West, Síndrome X-Fráxil, Síndrome de Cornelia de Lange,...?

Sabería deseñar unha resposta educativa axustada a alumnos con eses trastornos?

Sábeno os novos especialistas?

Como profesionais de Educación Especial pensamos que esta medida repercute negativamente no alumnado e no prestixio da especialidade.

E isto o que entende a Administración por calidade do ensino?

María Mercedes Piñeiro Mouriño - Vigo