Recén rematado o Ciclo de Música Coral no Centro Cultural Verbum, organizado polo departamento correspondente do Concello de Vigo co gallo das Festas do Cristo da Victoria, permítaseme algún comentario de quen dende fai moitos anos está involucrado de cheo neste eido, como da meirande parte dos coros é coñecido.

De primeiro miña máis grata sorpresa ó contemplar como as "pequenas artes", como deica agora era o Canto Coral, suben de consideración pola demostración de que a sala de conferencias do Verbum, onde tiveron lugar os concertos, tivo sempre ocupadas as súas duascentas cadeiras, máis un feixe de oíntes de pé. Esto debe facer pensar ós organizadores de que é, a Deus gracias, un pequeno problema a solucionar nas vindeiras ocasións, e si a elo lle xuntamos un pequeno arranxo técnico de sonoridade da sala, o acerto sería completo. Porque acerto foi facer ese ciclo e nese lugar tan denostado ou controvertido. Polo menos, durante unhas semanas déuselle valor ó contido do edificio, xa que o continente tenno de sobra, a meu entender.

Hai que decatarse que o Concello de Vigo é o que tén máis corais e bandas de música por metro cuadrado de tódolo estado español. E ese mundo coral move o seu arredor milleiros de adeptos, polo que compre que sexa tido en conta polos organismos competentes.

Outra consideración persoal. Como asistente asiduo a meirande parte dos concertos teño falado con dúcias de persoas e poido dicir que con ese motivo coral houbo centos de asistentes que viron por primeira vez o Verbum. E iso xa foi un éxito, mailo musical.

Fai poucos días deuse un coloquio nunha televisión local sobre a utilidade do Verbum.

Alí, mailo presentador, estaban entendidos como o arquitecto Curty, o xornalista Viqueira, o pintor Pulido, o erudito de Estudios Vigueses, que querían unha solución para o contido do Verbum. Cadaquén, como debe ser, deu a súa opinión, máis non tantas solucións como se espera de tales persoeiros.

Pois ben: esta é unha delas que pode converterse en permanente. E algúns diranme que esa é a casa das palabras (verbum) e non un auditorio musical. ¿E si lle damos a doble faceta de palabra e música"? ¿Acaso a música non está apoiada nunha letra que debe ser a protagonista e non ó revés, como sucede moitas veces?

Hai coros con vocalización deficientes, polo que a nai, que é a letra, queda ensombrecida por unha música que a oscurece. Obsérvase mesmo nos programas de man, que sempre poñen ó autor da música e poucas veces ó pai ou a nai da letra, que é a protagonista da obra e non ó revés.

Para elo dou unha idea. Pódense facer concertos literarios-musicais, e denantes de ser interpretada a partitura, un compoñente do mesmo coro recite con certa dignidade a letra ou súa tradución se é que está noutro idioma. Ata podería haber voluntarios que se presten a elo, que hainos dabondo, eu mesmo, entre eles.

Así o "verbum" sería protagonista no Verbum. E, rematando, que os programas non sexan tan cutres e reflicten a autoría da letra, da música e dos mesmos arranxos de cada peza.

Xulio Mosquera González - Vigo