Vigués, xurista e alcalde

Abel Caballero

Abel Caballero

Co falecemento de Ventura Pérez Mariño perdemos un prestixioso xurista, un home íntegro e de honor que defendeu as causas xustas desde todas as atalaias desde as que exerceu como home de leis. Desde a súa mocidade, como avogado no franquismo e a transición, como xuíz ou como maxistrado da Audiencia Nacional. Ventura sempre defendeu a xustiza.

Pero con Ventura tamén se nos vai un gran vigués, un home comprometido co seu territorio que se presentou a unhas eleccións municipais e gañou a Alcaldía. Tentou ordenar e poñer en marcha unha forma distinta de entender Vigo pero, desafortunadamente, non lle deixaron. Un pacto entre PP e BNG desaloxouno do goberno local nunha manobra política sen precedentes na cidade. O Bloque, en lugar de apoiar a Ventura, esforzouse para que abandonase o Concello.

Ventura marcou un momento de ruptura política, cun concepto de Vigo ligado ao medio ambiente e á súa visión de cidade. Xerou ilusión cidadá e quizá temor aos seus adversarios, forzas políticas que non dubidaron en asinar un pacto espurio para afastalo da Alcaldía.

Ventura sempre mantivo o seu compromiso coa cidade volvendo impartir xustiza. Seguiu atendendo Vigo como xuíz e como promotor de causas solidarias nas que sempre atopou o apoio deste Concello. Porque as súas causas xustas eran as de toda a cidade.

Vigo perde hoxe a un excelente xurista e a unha excelente persoa. Sei que falo no nome de toda a cidade ao trasladarlle o meu máis sentido pésame á súa familia. Un gran home, un gran vigués e un gran alcalde. Ventura Pérez Mariño.

*Alcalde de Vigo