Os faladoiros rurais e as tertulias urbanas

A tertulia de Pombo (José Gutiérrez Solana, 1920).

A tertulia de Pombo (José Gutiérrez Solana, 1920). / J. G. S.

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Non ten moito sentido que a palabra “tertulia” non sexa incluída no Portal das Palabras cando o lema “faladoiro”, con apenas tradición galega, está definido (“reunión de persoas, xeralmente dun mesmo lugar ou dunha mesma profesión, para conversar ou comentar temas de actualidade”), parafraseando a definición de “tertulia”, dabondo acreditada no xornalismo e literatura galegas, do dicionario da RAE (“reunión de personas que se juntan habitualmente para conversar sobre algún tema”). De calquera xeito resulta sorprendente que o relato sobre tertulias se limite ao acontecido nas cidades –Vigo, Lugo, Ourense, Santiago, Coruña ou Pontevedra– e non se garde memoria dos faladoiros de aldea, tan numerosos e cualificados desde tempo inmemorial. O espazo dos faladoiros non eran os cafés inexistentes no mundo rural; desenvolvíanse en xastrerías, zapaterías e barberías que recibían a visita dos veciños nos días de invernía e na tardiña e noites de véspera de “día santo” ou datas sinaladas.

"De calquera xeito resulta sorprendente que o relato sobre tertulias se limite ao acontecido nas cidades"

As menos de duascentas casas que existían en Asados, freguesía do concello de Rianxo, a mediados do século XX daban acobillo a algo máis de cincocentos veciños. Por esta razón sempre me resultou soprendente que houbese no lugar por volta de 1955 cinco zapateiros que arranxaban ou facían todo tipo de calzado. Ben é verdade que a variedade de modelos era escasa tendo en conta que os zocos eran o calzado máis empregado por rapaces e adultos entre outubro e abril. Por non apuntar os veciños que andaban descalzos gran parte de ano. Como existían tantos zapateiros para calzar tan poucos pés? O caso é que arredor da súa “banquilla” formábanse importantes faladoiros onde se comentaban todo tipo de noticias e non faltaban as anécdotas sabedeiras como as protagonizadas polo Sr. Constante, natural de Noia, terra de zapateiros, que cando lle abría a porta do cortello ao porco para que escorrentase a fame por camiños e corredoiras, era frecuente que recibise queixas de veciños aos que invadía leiras cultivadas o animal famento. As contestacións do Sr. Constante, o da Revolta, eran antolóxicas por evasivas e irónicas: “Vaia, oh, eu non o mandei á túa leira, díxenlle que fose ver a carteleira do cine” (Cine El Centro, inaugurado en 1949, situado ao lado da leira invadida). E ao Sr. Miguel de Campo Ribeiro, despois de comerlle as patacas da testa, contestoulle: “A ver se se me vai empachar o animal agora que xa está para matar”.

"O espazo dos faladoiros non eran os cafés inexistentes no mundo rural; desenvolvíanse en xastrerías, zapaterías e barberías"

Dos cinco zapateiros soamente un deles lle tiña posto nome ao taller, concretamente Zapatería la Invencible de José Ramón Ces Agrelo. Teño a seguridade, era o meu veciño de máis preto, de que o reto non iba dirixido aos competidores nin veciños, era unha mensaxe de máis alcance, un desafío aos falanxistas que o quixeron “pasear” a altas horas da madrugada cando petaron á súa porta, acompañados dunha parella da Garda Civil. Saíron medio espidos el e a súa dona e cando lle rogaron que os acompañase, el pide uns minutos para vestirse e Mauricia, nun acto reflexo, deu un portazo rápido e violento que deixou aos pistoleiros frustrados. Os heraldos da morte, coñecidos veciños de Rianxo, coa cara descuberta deixaron como lembranza do seu intento uns culatazos que romperon os cristais da porta protexida por uns barrotes de ferro que aínda lembramos os veciños xa que Xosé Ramón tardou moito tempo en arrombar a desfeita acusadora, testemuño da barbarie. Noutra volta ocuparémonos das moi ilustradas tertulias que tiñan lugar na xastrería de Ramón Pimentel, fundador do grupo de teatro “Airiños”, e na zapatería de Manolo, O Coulán, ávido lector de prensa.

Cando por volta de 1978, e vai de zapateiros, o profesor Pensado me presentou ao seu colega Emilio Alarcos mesmo fronte do edificio da Universidade Vella de Salamanca, este acabou preguntándome onde traballaba e cando lle dixen que na Universidade Laboral acaboume dicindo que non comprendía a relación da Universidade co adxectivo “laboral” o mesmo que nunca comprendeu a razón pola que un seu veciño, despois de rematada a guerra, sendo el adolescente, puxo na porta un rechamante letreiro no que se podía ler Zapatería Católica. Ao pouco, acabou o profesor falándome da capacidade ideolóxica dos adxectivos para mudar significados, especialidade dos ideólogos do franquismo.

Suscríbete para seguir leyendo