Voyager

Unha ovación para Sofía Vergara

Ledicia Costas

Ledicia Costas

O prohibido exerce sobre nós un efecto poderoso. De súpeto, cando sabemos de algo que nos está vedado, invádenos o desexo de transgredir, a necesidade de romper a norma. Todo o clandestino leva implícito un grao extra de interese. Talvez por iso, durante a infancia resulta tan atractivo todo o que ten que ver coa vida adulta. A frase “son asuntos de maiores”, e que adoita pretender ser disuasoria, provoca o efecto contrario. Cantas veces escollemos dos andeis aqueles libros que aínda non podiamos ler porque non eran axeitados para a nosa idade? Cantas películas vimos ás agachadas cando non era aínda o momento? Cantos letreiros de “prohibido o paso” nos atrevemos a burlar? O chamado “efecto Streisand” está intimamente relacionado con ese poder do prohibido. O concepto naceu despois de que Barbara Streisand denunciase a un fotógrafo porque publicara nunha web unha fotografía onde aparecía a mansión da artista e a súa localización exacta. Esixiu unha compensación millonaria e a retirada da fotografía porque vulneraba a súa intimidade. O que sucedeu foi exactamente o contrario do pretendido. Esa fotografía, que apenas tivera descargas antes da interposición da denuncia, empezou a descargarse de maneira masiva e correu de ordenador en ordenador, e de teléfono móbil en teléfono móbil. Viralizouse na rede ata que foi imposible eliminala. Artistas coma Beyoncé ou Tom Cruise tamén sufriron as consecuencias do efecto Streisand: un intento de censurar unha imaxe acaba espertando a curiosidade das persoas ata tal punto que acaba converténdose en viral. Temos un exemplo próximo co libro Fariña, de Nacho Carretero. A obra fora secuestrada de xeito cautelar por unha xuíz de Madrid e acabou vendéndose ás furtadelas, coma tabaco de contrabando. Foi un éxito editorial. Algo semellante sucedeu hai uns días despois da presenza de Sofía Vergara no programa de Pablo Motos. Vergara visitouno como parte da promoción da estrea da serie Griselda, onde interpreta o papel protagonista dunha narcotraficante en Miami. O seu paso polo programa estivo cargado de tensión. Sofía deixou a Pablo Motos no lugar que lle corresponde: rebozándose na súa propia lama, sen saber de onde viñeron cada un dos sopapos dialécticos que lle propinou a de Colombia. Por cada intento de ridiculizala, unha resposta brillante; por cada comentario desafortunado del, unha labazada de afiada retranca. Motos, que está acostumado a tratar as mulleres que visitan o seu programa coma se el estivese nun púlpito e elas axeonlladas, cun grao de condescendencia insoportable, estirou a corda. Mais Vergara non se acovardou. Pasou por riba del coma un tsunami sen nin sequera pestanexar. O presentador meteuse coa pronunciación en inglés da actriz, fíxolle preguntas incómodas sobre o seu aspecto físico, intentou medrar como adoita: ridiculizando á muller que ten sentada fronte a el. Pero nesta ocasión, non puido. Os vídeos onde a actriz deixa en evidencia a Motos empezaron a circular axiña polas redes. Diferentes usuarios advertiron que estaban desaparecendo, logo de varias denuncias onde se reclamaban os dereitos de autoría. Daquela, o efecto Streisand volveu facer a súa maxia. As visualizacións multiplicáronse a toda velocidade. A escuma desta onda chegou aos medios internacionais, desde medios do Reino Unido ata a televisión Arxentina, en horario de máxima audiencia. Vergara arrasou. Ver unha muller empoderarse desa maneira, nun lugar que non é a súa casa e con todo en contra é un pequeno triunfo colectivo.

Suscríbete para seguir leyendo