José Afonso en Vigo

O pasado día 16 dos correntes presentouse na asociación cultural Évame Oroza da nosa cidade o libro José Afonso. O triangulo mágico na súa vida e obra, de Paulo Esperança (1). O seu título conleva unha referencia explícita aos tres vértices xeográficos que marcaron as vivencias do protagonista: África, Galiza e Portugal. No referente ao noso país, Vigo aparece reiteradamente citado como destino habitual de tan sobranceiro artista, tanto en presencia física como motivo central de exposicións e homenaxes. Así, podemos visualizar nunha páxina a carta dirixida a Manuel Álvarez, presidente de Xuventudes Musicais e asesor do Concello na Comisión de Festas, pola que a cooperativa Eranova - á altura representante do cantautor - confirma un recital do Zeca Afonso o 9 de agosto de 1979 en Castrelos. Dous anos despois, artista e escenario volverían reencontrarse, exactamente o 8 de agosto de 1981. Xa a comezos do presente século, o 5 de maio de 2009 inaugurábase no Museo Vérbum de Samil a exposición Seremos muitos, seremos alguém. José Afonso, a voz da liberdade.

A grande homenaxe sería o 31 de agosto de 1985, no espazo no que todos os cantores deben medir o seu arraigo nesta cidade, outra volta Castrelos: Galiza a José Afonso foi o lema atinadamente escollido, pois no referido festival participaron unha enorme morea de poetas, músicos e cantores tanto galegos como portugueses. E é que o noso país estivo presente nas andainas do cantautor desde que hai máis de cincuenta anos foi descuberto polo seu colega e paisano noso Benedicto, omnipresente nas páxinas do libro, ao igual que o tamén músico Xico de Cariño, amigo do Zeca e membro da Asociación que leva o seu nome. Posteriormente, coincidindo co ano do seu pasamento, durante a primavera de 1987 desenvolveuse por toda Galiza unha ampla programación sobre a súa figura e obra baixo o lema En quânto há força, título dun dos seus discos. Asemade, o libro tamén serve de hemeroteca na que podemos ollar informacións relativas á súa figura publicadas na prensa galega, con algunhas reproducións deste mesmo periódico, de A Nosa Terra, así como de distintas revistas: Chan, Luzes, Teima e Tintimán. A pegada do Zeca Afonso en Galiza é tal que mesmo procedería escribirse un libro sobre Él circunscrito ao noso País, así como editar un disco que escolmara parte do seu cancioneiro versionado por músicos e cantores galegos –Cumbre, María Manuela, Milladoiro, Muxicas, Na Lúa, Os Resentidos, Uxía…–.

O triângulo mágico… percorre ao longo das súas páxinas as distintas fases do seu deambular vital e artístico: África como territorio no que adquiriu a súa conciencia política. En Galiza descubriu a un país que descoñecía como tal. No seu Portugal mergullouse nas raíces da cultura popular. E por suposto, tamén se deixa notar a hostilidade manifesta que padeceu no marco represor da ditadura, que concluíu o histórico 25 de abril de 1974, cando unha canción precisamente do Zeca, Grândola, vila morena serviu de contrasinal para que a revolución dos caraveis marcara o cambio de rume cara á democracia no país veciño. Pero por máis antolóxica que sexa tal canción, cómpre ponderar o legado de José Afonso na súa totalidade, como un creador que partindo do fado de Coimbra chegou a desenvolver un arte que non entende de límites, receptivo a canto estilo musical puidera enriquecer as súas composicións. Tal e como deixa constancia o libro en cuestión: o home, o poeta e o músico se fundían de forma apaixonada.

(1) Centro de Música Tradicional Sons da Terra.

*Crítico musical. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Suscríbete para seguir leyendo