A clandestinidade de “O corno”

Mar Mato

Mar Mato

O cinema de Jaione Camborda está inzado de metáforas e dunha a outra pasamos en “O corno”, a súa segunda longametraxe de ficción coa que vén de facer historia para o celuloide galego ao gañar a Concha de Oro en Donosti.

O filme –rodado na Illa, Baixo Miño e Portugal– presenta unha historia cativadora que sempre salta á corda entre a vida e a morte, a sorte e o drama.

María, a protagonista interpretada por Janet Novás, é unha muller da Illa de Arousa (Pontevedra) que nos anos 70 do século XX se dedica a acompañar mulleres no parto, ademais de mariscar e outros labores.

A súa vida vén marcada polo silencio e unha cicatriz no ventre, unha especie de cremalleira a un presente e un futuro que non a deixan liberarse dunha pesada capa. No centeo, ela apaña o corno, un fungo de propiedades alucinóxenas pero que no pasado as mulleres en Galicia empregaban para evitar hemorraxias tras pariren ou para inducir abortos.

María é parteira, alberga un saber de séculos co que busca axudar pero que nun momento da metraxe se revolve contra ela para esgarnalle a vida.

Con ela, vivimos distintas fases de clandestinidade nunha dobre vida a cabalo do día e da noite. Na metraxe atopamos metáforas nas froitas, nas pingas, no solpor, no novo día, no truco de maxia pero tamén no río e nesas vacas que en familia nadan cara a terra ante os ollos duns humanos para os que a vida se complica ata que caen na conta que quizais a sinxeleza de aceptar o destino é a decisión máis axeitada.

A película busca ante todo facer reflexionar sobre cuestións interesantes e aínda vixentes no noso día: como se vivía antes un parto, como se acompañaba a muller nel e como se fai agora; as limitacións legais que sufriron e padecen as mulleres para decidir en liberdade no seu corpo á hora de abortar ou a necesidade de vivir unha sexualidade plena para elas.

O filme tamén trata o racismo, a prostitución, a opresión das fronteiras contra o individuo, a explotación laboral e o exilio do fogar pero sobre todo a necesidade de axudar e sermos axudadas.

Dende o día 11 chega ás salas. Non a perdan. É cinema de autor verosímil, máis de cen minutos cun elenco actoral perfecto no que a sobria e acertada Janet Novás borda unha actuación contida que lle dá forza a un filme. Ao rematar este lamentas que non dure máis.

Suscríbete para seguir leyendo