Segunda Feira

Con Bernardino Graña

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Bernardino Graña celebrou felizmente o seu noventa e un aniversario. Véñenme ao caso verbas de ouro escritas polo Dante sobre un que consideraba “mellor artífice do falar materno” (‘miglior fabbro del parlar materno’). En períodos prehistóricos da súa persoal evolución literaria, o xove Bernardino Graña, dominador consumado do verso hendecasílabo (e doutros), compuxo un poema en castelán que se converteu en himno lúdico da nosa común xeración: “Hagamos torres de Babel con vasos, / hagamos una escalinata viva, / para subir, como vapor con manos, / o un rocío que al revés respira...”. Hoxe, a maioría dos que coreaban estes versos vaga pola outra orela do esquenzo ou sexa que están mortos. Bernardino segue aí, fronte o mar (“ese camiño...”). Cando era rapaz, el foi chamado ao despacho de Ramón González-Alegre para integrar o consello de redacción da revista Alba, editada entre 1948 e 1956. O mesmo González-Alegre, en función crítica, destacou a figura xuvenil de Bernardino Graña nun seu ensaio famoso, ‘Poesía Gallega Contemporánea’ (Huguín, Pontevedra, 1954), no que, tamén, descobría a grandeza de X.M.Díaz Castro entre outros felices achados en tempo de penuria. En Bernardino Graña concorren todas as circunstancias que poida esixir a escola de Petersen para certificar a pertenza á xeración literaria dos autores nados nos anos 30 do século pasado. Bernardino non coñeceu a Guerra Civil aínda que se formou dentro das negras pompas do franquismo. Estivo na fundación de Illa Nova, de Galaxia. Foi integrante do grupo Brais Pinto. Militou no nacionalismo galego de esquerda e participou na restauración das Festas Minervais en 1953. Alén diso, Bernardino é un magnífico prosista e narrador, e tamén autor teatral que nunca viu pasar a súa dramática da escrita ás táboas. Mais Graña é, sobre todo, un poeta destinado a permanecer no tempo e nas memorias futuras en canto haxa lingua e literatura galega baixo o Sol. El irrompera, como poeta monolingüe galego, con ‘Poema do home que quixo vivir’, que Brais Pinto editou en 1959. Trátase dun libro que se agranda para autodestruírse: velaí a raiba e a angustia dun nihilismo existencial que, ao tempo, pairaba sobre Galicia e Europa. No seu libro fundamental, que é ‘Profecía do Mar’ (Salnés, Vigo, 1966), Bernardino sae dun ovo monstruoso so a figura de dragón que dita os seus ritmos en versos nos que o idioma todo renace e recompón as súas relacións co Mar para lle dar a man, por riba do tempo, a Manuel Antonio e aos poetas marítimos dos ‘Cancioneiros’. A innovación grandiosa de Bernardino continúa noutros libros poéticos, pero a presente columna fica esgotada e chega ao seu punto final. Apertas fraternais ao vello amigo.

Suscríbete para seguir leyendo