Paz Novoa, ‘interpres legum’

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Así o calificou, como “intérprete de leis”, Sebastián Martínez Risco para singularizar o seu talento lexislativo que desbordaba o dun habitual avogado en exercicio. No ano 2005 glosamos, en colaboración co historiador Xosé R. Barreiro, a figura do ourensán Juan Manuel Paz Novoa (1839-1895) coa inestimable axuda das oitenta cartas que recibe Murguía deste ilustre galego, que o convirten no maior correspondente do historiador e o acreditan como gran epistológrafo. Malia os laudables estudos que lle dedicaron, entre outros, Fernández Alonso, Ogando Vázquez, Sebastián Martínez Risco e Anselmo López Morais, a presenza social de Paz Novoa segue a depender, nomeadamente, da defensa que fixo de Curros Enríquez no xuízo que tivo lugar en Ourense no ano 1880. O escritor de Celanova, acusado de facer escarnio dos dogmas da relixión católica, foi condenado en primeira instancia, nunha sentenza emitida polo xuíz Manuel Mella Montenegro e á que non foi allea a man do bispo Cesáreo Rodrigo, no que se pode considerar un capítulo máis da persecución relixiosa contra liberais e republicanos que xa padecera o propio Paz Novoa cando lle secuestran con violento rexistro domiciliario a súa obra ‘Cartilla constitucional para uso de los niños que concurren a las escuelas de Instrucción Primaria’ (Ourense,1870). Cando lle envía a Murguía un exemplar desta obra xa expresa os seus temores de que sexa excolmulgada polo clero e non poida vender boa parte dos tres mil exemplares impresos. Non faltan, efectivamente, na biografía xornalística de Paz Novoa numerosos lances coa censura da época, vaticinados xa polos seus antecedentes políticos: participación no Banquete de Conxo con apenas 17 anos, habitual dos faladoiros da Sociedadad de Amigos del País, auténtico foro do progresismo liberal de Santiago, militancia no republicanismo federal, deputado por Trives coa proclamación da República (1873) e xefe do partido Republicano histórico de Castelar en Galicia.

“A relación de Paz Novoa con Murguía comeza nos seus anos estudantís en Compostela”

Fillo dunha coñecida familia de impresores, Cesáreo e Francisco Paz, esta circunstancia permítelle fundar e dirixir un xornal, ‘El Eco de Galicia’, no ano 1870 onde comeza a publicar algúns artigos sobre a cuestión dos foros. A favorable acollida e o interese que espertan estes traballos decídeno a amplialos e publicar un folleto (‘Los foros de Galicia. Apuntes sobre la actual organización de la propiedad territorial en estas cuatro provincias, y necesidad de su reforma, Orense, 1872’), onde avogaba pola súa abolición. O seu obxectico confeso con esta publicación era contribuír á emancipación do proletariado, do traballador do campo galego, tal como expresa nunha carta a Murguía:

“Es claro: yo no veo la cosa como cuestión puramente jurídica o económica; al contrario, para mí es social. Se trata de redimir de su servidumbre de hoy al proletariado de los campos; se trata de elevar al forero a la condición de propietario; se trata nada menos que de la emancipación de la clase trabajadora”.

A relación de Paz Novoa con Murguía comeza nos seus anos estudantís en Compostela onde remata a carreira de Dereito en 1861 para doutorarse posteriormente en Madrid. Despois gana a cátedra de Economía Política que exerceu no instituto de Ourense ata que en 1887 se traslada a Coruña como profesor numerario de Lexislación Mercantil Comparada na escola de Comercio. As relacións co matrimonio Murguía Castro fanse cada vez máis cordiais a raíz do matrimonio con Concepción Ávila Arines, afervoada lectora de Rosalía. Adoita pasar desapercibida a presenza de Paz Novoa entre os membros da Comisión Xestora para a creación da Academia Galega en 1895, poucos meses antes do seu falecemento, que lle priva, sen dúbida, de ser académico fundador da mesma como o resto dos convocantes.

Deixounos, froito do seu elevado espírito humanista, numerosas poesías dispersas que publicou en diferentes medios, entre eles o ‘Álbum de la Caridad’ (A Coruña,1861). A iconografía da Paz Novoa viuse enriquecida ultimamente coa doazón de Anselmo López Carreira ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense dun retrato en formato oval do pintor santiagués J. M. Salgado Rodríguez datado en 1868.

*Académico numerario

Suscríbete para seguir leyendo