Contra estas luces… acción!

Carmela Silva Rego*

Carteis rechamantes a carón dunha estrada. Luces de neón, palpitantes, cutres, no exterior do edificio. Cores cálidas, aparentemente alegres e vibrantes que non agochan a traxedia que se vive no interior, a pesar dos tecidos vermellos, da luz tenue, da música e das copas. Vestidos de festa, con cores divertidas, que mesmo convidan a sorrir. Maquillaxes, peiteados e perfumes. Xoias brillantes. Mulleres e homes que parecen felices. Todo para provocar a distorsión dunha imaxe próxima ao terror. Canta falsidade! Canta mentira!

Nun prostíbulo, baixo esa imaxe de pracer e desfrute, que pretende transmitir o patriarcado a través da poderosa industria prostitucional, o único que se esconde é dor, escuridade, tortura, escravitude, inferno, medo. Mulleres, normalmente empobrecidas, mozas ou vulnerables, vítimas da trata, do secuestro e do engano, violadas a diario, drogadas, simples mercadorías, cousas, pezas de carne e ferramentas ao servizo dos homes sen alma.

Eses “campos de concentración” dos que fala a activista Amelia Tiganus, están repletos de mulleres devastadas pola violencia sexual, profesionais da medicina case sempre horrorizados ante o desgarro físico e mental que atopan nas vítimas. Mulleres que non son conscientes, que non teñen forza para recuperar a conciencia. Mulleres sometidas a fortes tratamentos antidepresivos, contra a ansiedade, que loitan por sobrevivir, por fuxir, por escapar desa situación que as impide ser e sentirse persoas.

"Precisamos poñer no centro da axenda política estatal a abolición da prostitución"

Eses espazos de destrución de mulleres non rematan aí, no propio prostíbulo. A profunda pegada que deixan perpetúase cando as poucas que poden escapar da prostitución pretenden recuperar a súa vida. Nese intre, comezan novamente as visitas a médicos, os sedantes para fuxir da dor, do sufrimento, do terror, do medo. Non hai acompañamento psicoterapéutico. Soamente fármacos, drogas. Non as escoitan. Ninguén quere falar delas e con elas. Seguen somerxidas, invisibilizadas, nun mundo escuro, nun buraco. Non conseguen ver a luz. Aínda que están fóra, non poden saír desa industria da prostitución que lamentablemente move a economía global.

Como é posible que unha sociedade avanzada, que se considera decente, democrática, xusta permita este drama, esta escravitude que padecen soamente as mulleres por ter nacido mulleres, vulnerables ou pobres? Como é posible que miremos cara outro lado, como se non acontecese esta traxedia? Como pode ser que evitemos continuamente poñer no foco do debate, na axenda política, a fin desta lacra, desta industria cruel e violenta contra as mulleres?

Non nos enganemos, “non poderemos falar xamais de igualdade entre homes e mulleres, nin de xustiza social, nin da sociedade do bo trato –como afirma Amelia Tiganus– mentres exista unha soa muller no mundo explotada sexualmente”. Así que contra esas luces… non queda máis que a acción! Unha acción que pasa pola abolición da prostitución.

E non nos enganemos. Non é moderno, nin progresista, nin mellora a situación das mulleres o feito de legalizar a prostitución. Non. É falso e ás probas me remito… Alemaña, ou os Países Baixos, por exemplo, teñen legalizado esta industria e ¿que está a acontecer? Que aínda hai máis redes de trata, que aumenta a demanda de prostitución, que cada vez son máis as mulleres, fundamentalmente inmigrantes, que sofren violencias, viven situacións irregulares, torturas, intimidacións, verdadeiros atentados contra os dereitos humanos máis básicos e fundamentais.

Pola contra temos modelos abolicionistas xa en funcionamento en Europa, como acontece en Suecia, que considera a prostitución como unha das formas máis graves de violencia contra as mulleres. E ¿que acontece? Que se perseguen todas as formas de proxenetismo e está a poñer o acento nos puteiros, que son penados, multados e deslexitimados, desincentivando, deste xeito, a demanda desta industria que, ademais, vai minguando ano tras ano. E, por outro lado, as mulleres en situación de prostitución non son criminalizadas senón que se protexen, son consideradas vítimas de violencia machista, beneficiándose da asistencia e reparación por parte do Estado.

A diferencia é máis que evidente, verdade?

E que acontece aquí, en España? Pois lamentablemente pouco. Déronse algúns avances como o caso de Valencia, onde unha moción presentada polos socialistas locais, aprobada coa abstención do PP e de Vox e co voto en contra de Ciudadanos, ten conseguido fixar unha posición abolicionista na cidade. Tamén no municipio de Albal, na mesma área metropolitana de Valencia, pioneiro en poñer multas aos puteiros. Alentador pero insuficiente!

Precisamos poñer no centro da axenda política estatal a abolición da prostitución. E non soamente iso. Xa non é suficiente con situala na axenda política. Non. Estamos fartas de agardar e de esperar. É tempo de pasar á acción, é tempo de aprobar, dunha vez por todas, a lei para abolir a prostitución en España.

Unha lei que protexa as mulleres prostituídas desta terrible lacra social, desta arrepiante forma de violencia machista. Unha lei que criminalice aos puteiros, aos proxenetas, aos mafiosos da trata. Non valen máis esperas, nin máis escusas. Este é o momento.

*Presidenta da Deputación de Pontevedra