Exilio e discurso político (IV)

(Naonimia en América)

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

O meu amigo “O Latero”, rianxeiro e gran conversador, adoita recitarme de vez en cando, con orgullo posesivo, o nome de todos os barcos que tivo durante a súa vida: O Noso, o San Paio, Olga, Perca, Sinda (de madeira), Sinda (de ferro), Latero I e Latero II. Todos, desde aquel Noso co motor cun único pistón que había que apagar para poder mexar dadas as convulsións que provocaba, ata os modernos barcos de ferro do seu alcume familiar coñecidos en toda a ría, teñen a súa particular historia como calquera membro da familia.

Son as súas conversas sobre barcos clases maxistrais de naonimia que imparte diariamente porque diso se trata, dos nomes dos barcos, esta palabra altisonante, naonimia, de orixe académica que pretende glosar a sabiduría popular con fortuna diversa.

Tamén en Bos Aires, no ano 1946, atracou o cruceiro Galicia, un barco da Marina de Guerra que se chamaba Príncipe Alfonso cando foi botado nos asteleiros de Ferrol en 1925. Como buque insignia foi utilizado polo rei Alfonso XIII en numerosas ocasións para desprazarse a distintos países. Mesmo cando se proclama a República en abril de 1931 será este moderno cruceiro de fasquía inglesa o que traslade a familia real a Marsella despois de pasar por Xibraltar. Ao regreso, nada máis saír de augas territoriais francesas, ízase a bandeira tricolor e toma pouco despois o cruceiro o nome de Libertad. Como tal participará en numerosas batallas durante a guerra provocada polo levantamento fascista de Francisco Franco. Aínda que nun primeiro momento os oficiais secundaron o golpe, a tripulación non o permitiu e tomou o mando para serviren lealmente á República participando no enfrontamento que acabou co fundimento do Baleares en 1938. Pero non remata aquí a historia deste cruceiro, porque unha vez finalizada a guerra co triunfo dos golpistas, o barco quedará atracado en Túnez ata ser recuperado polos vencedores que o remodelarán e bautizarán co nome de Galicia. Con 603 homes de tripulación e case 10.000 toneladas, entregado á Armada en 1944, realizará numerosas misións diplomáticas e protocolarias nos anos posteriores.

“Entregado á Armada en 1944, o ‘Galicia’ realizará numerosas misións diplomáticas e protocolarias”

Así, en xuño de 1946 desprazarase á Arxentina para representar a España na toma de posesión de Perón como presidente do país. Era comandante do cruceiro o capitán de navío Pedro Nieto Antúnez e viaxaba como máximo representante o almirante Salvador Moreno Fernández, tamén ferrolán e cun amplo historial de guerra. Célebre, entre outras fazañas, por ser o responsable, cando era comandante do Canarias, en febreiro de 1937, do bombardeo indiscriminado e conseguinte masacre da poboación civil que fuxía en masa pola estrada desde Málaga ata Almería.

Este barco con estes militares ferroláns ao mando, como representante de España, protagonizará en Bos Aires un desfile militar pola Avenida de Maio. O Centro Gallego, presidido por Manuel Otero, izará por primeira vez a bandeira franquista no medio da desolación dos exiliados galegos que contemplan impotentes a escenificación vergonzante da súa derrota. Foi un acto maquiavélico orquestado polos servizos diplomáticos de Franco que, sabedores do elevado número de admiradores e simpatizantes de Castelao, cando se preparaba a celebración do décimo aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, quixeron teatralizar un acto político triunfalista: un barco, Galicia, mandado por galegos e con numerosos galegos a bordo que desfilan pola capital na honra de Perón, que se convertería no protector do franquismo en América. O propio presidente arxentino, agradecido, enviará unha delegación a España que será recibida polo ditador na Pardo con todos os honores no mes de decembro do mesmo ano de 1946.

Suscríbete para seguir leyendo