De bolina

Colón de noso (e III)

Xosé Ramón Pena

Como comentamos na primeira destas entregas arredor de “Colón de noso”, ao longo do século XIX e comezos do XX a figura do Almirante foi obxecto de toda clase de aproximacións, controversias… xa referidas ás diversas circunstancias que rodearon o seu proxecto xa en relación coa propia personalidade e orixes certas do seu promotor. Como asemade tamén ficou anotado, a Igrexa católica –velaí o labor de Pío IX– chegou a propoñer até en tres oportunidades a beatificación do gran navegante diante da Sacra Congregación de Ritos. Da súa parte, e desde coordenadas ideolóxicas distantes –mesmo antagónicas–, non faltou quen considerase tampouco a verosemellanza dun Cristovo Colón dono de saberes gnósticos, afectado de ímpetos místicos e incluso precursor da masonería. En todo caso, esta segunda perspectiva vén alicerzar na versión novelesca que Washington Irving levou a cabo en 1828 –de enorme popularidade– arredor do traballo asinado tres anos atrás polo historiador español Martín Fernández de Navarrete, e que consagrou a imaxe do Almirante como un heroe romántico, adaíl da liberdade, xenio incomprendido e adiantado ao seu tempo, capaz de enfrontarse arreo á ditadura das sombras inquisitoriais.

Pois ben; algo de todo isto coidamos percibir nos versos –publicados en “La Correspondencia de España” e con motivo do cuarto centenario do Descubrimento– da autoría de Manuel Curros Enríquez e que comezan deste xeito: “Rebelde contra os feitos consumados/ó descubrir América bendita/fuches da Cencia, que a creación limita,/o primeiro entre os grandes sublevados.” Ao noso ver, nesta primeira estrofa acaso estea a recoller o poeta de Aires da miña terra o relato de Irving segundo o cal Colón se tería enfrontado en Salamanca –durante as deliberacións do Real Consello arredor da viabilidade do seu proxecto– a un (inexistente) conxunto de frades escurantistas a defenderen que a Terra era plana. Consideración que non impide, porén, que Curros celebre a seguir o decisivo papel de espallador e impulsor do cristianismo inherentes á aventura colombina: “Por ti mares e terras ensanchados,/deducir puido a mente que medita/a maxestá de Dios, santa e infinita,/da maxestá dos mundos revelados.” Ciencia e fe cristiá, entón, que poden camiñar da man: “Así, pró siglo que hoxe te saúda,/cando ás sombras tirache un continente/tirache a crencia ás brétemas da duda:/E sabe dende entón a humana xente/que na loita da vida, forte e ruda/vela ó seu lado Dios enternamente”.

"Tamén Curros Enríquez e Ramón Cabanillas –este último aceptando a galeguidade do Almirante– poetizaron a figura de Cristovo Colón"

Publicado, primeiro e co rótulo “Colón”, en “La Temporada” en Mondariz (xullo de 1924) e recollido logo en Camiños no tempo (1949), Ramón Cabanillas vén ser o autor do longo poema titulado “O fillo de Celt”. A través dos versos, podemos observar, daquela, que tal e como fixera finalmente Eduardo Pondal, tamén o autor de Na noite estrelecida vén aceptar no seu texto as orixes galegas do Almirante propostas por Celso García de la Riega e continuadas, entre outros, por Constantino Horta. Desta maneira, atopamos: “Neto dos netos do gran Celt, un día/do Lerz, o sagro río na ribeira/axexa do outro mar a lonxanía,/coa alma nun ensoño viaxeira,/garrido mozo de mirar sereno”. Tras describir nas seguintes estrofas a peripecia vital do seu protagonista, Cabanillas non dubida en situalo á fronte da grande aventura da Descuberta. Xa que logo, a el se vén dirixir, nos versos finais, “a voz da Saudade” nestes precisos termos: “Ti eres. Ti, o unxido e o escolleito!/O Mar das Trebas, longo e tromentoso,/aberto e ceibe está:/grorioso feito/ten de ser o teu soño miragroso!/O que Celt desatou contra o Destiño,/poñendo por valado o fondo mar,/seguindo sempre ó sol no seu camiño,/Colón, fillo de Celt, teno de atar!”

Así pois, “Colón fillo de Celt” (personificación da raza celta e, por extensión, do país galego), no ronsel dos Eoas pondalianos. Agardaremos, entón, que as recentes excavacións arqueolóxicas en San Salvador de Poio e San Martiño de Sobrán poidan confirmar aquilo que adiantaran os nosos poetas.

Suscríbete para seguir leyendo