Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

O Mundial de Qatar

O Mundial de Qatar está ás portas. Arranca o 20 de novembro co partido inaugural que enfrontará a Qatar contra Ecuador. As trinta e dúas seleccións participantes xa están repartidas en grupos e cada país empeza xa a facer cábalas cos posibles cruces. Soan os tambores dos días previos a esta Copa Mundial, un dos eventos deportivos que máis emocións provoca. É difícil explicar con palabras unha paixón. Vexo as persoas seareiras dos equipo de fútbol berrar, cabrearse, chorar, choutar de alegría, e sinto unha puntada de envexa, porque tamén a min me gustaría ter a oportunidade de vivir ese desenfreo. Emocionarse é unha das cousas que nos lembran que a vida paga a pena. O que turba este mundial é a polémica que rodea o proceso da FIFA coa escolla de Qatar coma sede do campionato. Unha investigación de ‘The Sunday Times’ puxo sobre a mesa que o país árabe pagara máis de cinco millóns de dólares en subornos para garantir o apoio da súa candidatura. Qatar negou todas as acusacións. Mais detrás desta polémica hai unha realidade que non debemos perder de vista. O diario ‘The Guardian’ cifrou en 6500 o número das persoas que morreron durante as diferentes obras en Qatar. Amnistía Internacional definiu este evento deportivo coma “O mundial da vergoña”, detallando as condicións dos traballadores, case todas persoas migrantes procedentes de países coma a India, Bangladesh, Nepal, Sri Lanka ou Pakistán. Temperaturas que alcanzan os 50º, xornadas de traballo eternas, escasas medidas de seguridade, vivendas en condicións insalubres e ameazas de expulsión do país se non aceptan as condicións, explicarían o número de falecidos.

"O presidente do comité que organiza o mundial deu a benvida ás persoas homosexuais pero cun matiz: recomendoulles que non mostrasen o seu afecto en público durante o torneo"

Qatar négase a aportar os datos reais das mortes, o que significa que nunca saberemos a realidade. Amnistía Internacional, que tivo acceso a certificados de defunción, comprobou que todas as mortes foran atribuídas a causas naturais ou insuficiencias cardíacas. Non hai máis detalles. As familias dos mortos non poden reclamar ningún tipo de indemnización porque as autoridades de Qatar tan só recoñecen un número escaso de mortes como consecuencia das condicións laborais tan extremas. A realidade que hai detrás de todo isto é moi retorcida, porque Qatar é un dos países coa maior renda per cápita do mundo, e porque os traballadores que migraron durante as obras do mundial tiñan intención de enviar cartos as súas familias, todas en situacións económicas delicadas. As condicións laborais en Qatar na actualidade están asociadas á palabra kafala, un sistema obsceno que implica que as persoas traballadoras non poden cambiar de traballo, as empresas teñen autoridade para confiscarlles o pasaporte e non hai ningunha vía para esixir condicións dignas. Este sistema agravouse durante as obras do mundial. Amnistía Internacional detallou que un dos sectores que máis sofren é do das traballadoras domésticas, con xornadas laborais de máis de 18 horas diarias, sen ningún día libre e sometidas a vexacións nos seus postos de traballo coma labazadas, insultos, ou abusos sexuais. Qatar é un país onde a discriminación ten sustento legal. Nunha entrevista concedida por Nasser Al Khater, o presidente do comité que organiza o mundial, deu a benvida ás persoas homosexuais pero cun matiz: recomendoulles que non mostrasen o seu afecto en público durante o torneo. Lamento moito que algo tan puro coma a paixón por un deporte se tolde por cuestións que non teñen nada que ver co xogo limpo.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.