De regreso xa na casa logo de recorrer durante uns poucos días algúns dos fiordos e paraxes máis curiosos e inhóspitos de Noruega, teño tempo para pensar e facerme algunhas reflexións a bote pronto sobre estas chamadas sociedades occidentais. A Europa de mercados e mercadores. Noruega representa un país culturalmente avanzado con todo o que iso significa de pago por calquera servicio coma a cousa mais natural e dende logo, máquinas para todo.

Vemos como por aquí o sentir xeral de que o público é de todos e lei, non como por estes lares, nosos, nos que aínda escoitamos indignados o pensamento de moitos, de que o publico non é de ninguén. Logo de moitos quilómetros por estas estradas, as veces practicamente baleiras, chegas á conclusión de que por exemplo nas estradas non fai falla vixilancia, nin radares, nin case que sinais, porque é coñecido que o limite de velocidade está marcado en 80 km/hora e practicamente a ninguén se lle ocorre sobre pasalo. Deste xeito sonche escasas as marcas, e liñas no chan, os avisos de control radar cando o hai, e previamente, e para nada atopas mais de un sinal de tráfico cada dez quilómetros, cando as atopas.

A limpeza é modélica, resulta imposible atopar un papel, unha lata ou unha botella en cunetas, ou rúas das pequenas vilas, e lugares nos que fas unha paradiña. A concienciación do cidadán sobre o coidado e protección do seu medio ambiente resulta ata obsesivo, dende logo non fai falla medidas coercitivas, nin represoras, porque a ninguén se lle ocorre, moito menos tirar lixo no chan, ou non reciclar o seu lixo, nos contenedores habilitados. Sorprende gratamente a proliferación de áreas de descanso por todas partes e en todas as estradas por afastada ou ínfima que esta sexa. Sonche lugares preparados con mesas para comer e descansar, e ata con servicios públicos.

Entre estas xentes os principios básicos; educación, cultura e concienciación, están tan extendidos e implantados que resulta absolutamente impensable actuar doutro xeito.

Finalmente, sorprende e moito a proliferación de automatismo, máquinas que controlan practicamente todo, dende os accesos os aeroportos, ata a facturación da equipaxe e tarxetas de embarque, alquiler de vehículos das empresas do sector, etc...o que fai complicado o viaxar para persoas de certa idade, non preparadas ao trato coas máquinas, ata o punto de botar de menos un trato mais humano, e o contacto coa xente, porque por aquí practicamente todo se rexe baixo as normas do “auto servicio”, fágao vostede mesmo, se sabe e pode, e no caso contrario poderá ter problemas.

Por certo que os efectos do cambio climático tamén chegaron aquí, e o están a sentir e notar na perda dos seus glaciares, o nivel cada vez máis baixo dos ríos e lagos, e por exemplo que durante estes dez días non houbo respiro e o sol e as elevadas temperaturas foron continuas.