Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Esplendor no Marco: Leiro

Ocupa o Marco Leiro cunha lexión de seres que son Pavitos, Androllas, Danzantes, Ceboliños ou sexa escultura con segredo. O Marco, museo ou non, é un dos poucos lugares que memoriza sermos Turonio, e iso debido a que o predio foi edificado en Vigo para sede dos tribunais e cadea do partido xudicial.

Velaí o poder xudicial español chantado no arranque da estrada centralista de Vigo a Castela; a Villacastín por máis sinal. Hoxe as escadas do Marco son sitio preferido das demostracións políticas de base. “Tanto dolor se agrupa en mi costado / que por doler me duele hasta el aliento”. Ferrados de amargor, quintais de pena perpetúanse adheridos ás paredes do Marco porque, entre elas, sufriron prisión xeracións de vítimas de todo tipo.

Aínda pode ser visto, nas salas do Marco, o espectro compasivo de Concepción Arenal, que veu morrer a Vigo. Nalgún punto do Marco, o verdugo de España instalou os trebellos do garrote e executou militantes da guerrilla antifeixista galega. As autoridades neomonárquicas vixentes tratan de branquexar a memoria. Quixeron derrubar o edificio de Príncipe e facer un bon negocio inmobiliario co nome de “praza da (súa) Concordia”. Non chegou a ser tal, e veu o Marco de Salvador Fraga por teimosía de moitos resistentes. No 2002 o negocio crebou no baixío e o Marco iniciou a súa navegación, aínda que, ás veces, poida parecer un “bateau ivre” con derrota incerta.

Os espazos de Príncipe que foron cadea parecen hoxe concebidos expresamente para acoller moitedume de figuras que Leiro instalou alí para o noso gozo. Teño a seguridade de que moitas persoas comparten a miña admiración por este escultor, tamén de Cambados.

Durante os anos do franquismo a prisión de Príncipe fora antesala do universo represivo. O mau trato e a tortura nunca faltaron alí naqueles días ominosos. Razón pola cal notamos no Marco de hogano unha ausencia ruidosa: a da mención lapidaria dos nomes daquelas e daqueles que en Príncipe padeceron fame e sede de xustiza. Entretanto esta falla de testemuña non se subsana, nós entramos ao Marco e reminiscencias de ignominia se mesturan á potencia maxistral das figuras antropomórficas de Leiro. Sen referente nin definición concretos, a forma humana, coma no meirande Michelangelo, pode en Leiro adoptar un colosalismo aniquilador. Noutros intres, a morfoloxía insólita das pezas sabe atinxir o mínimo ou o grotesco coa axuda neorrománica do policromado. A visita de Leiro deixará pegada duradoira e as pantasmas e grandeza do Marco reforzarán a totalidade do efecto plástico. Noutro cabo da rúa e na Porta do Sol, un tritón enigmático preside a cidade.

Compartir el artículo

stats