Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Máis albariño

A Festa do Albariño foi factor que, desde 1953 e ano tras ano, consolidou o Rexurdimento do que foi chamado “o viño dos poetas”. “In illo tempore” Álvaro Cunqueiro e Xosé María Castroviejo, grandes frecuentadores das letras francesas, sentíronse estimulados pola Physiologie du Goût de Anthelme Brillat-Savarin (1775-1826). E diron en facer charlismo e producir artigos literarios (principalmente no Faro de Vigo que dirixía Leal Ínsua) sobre cociña e viños de Galicia. E dese dominio temático axiña se fixo protagonista o viño de albariño. En “Follas Novas” (1880), Rosalía xa mencionara poeticamente a uva da que tratamos: “Ouh miña parra de albariñas uvas/que a túa sombra me dás!” Máis tarde, Ramón Cabanillas ofreceunos unha estampa impresionista e inesquecíbel no seu poema titulado “Na taberna”.

En pinceladas esenciais o poeta lévanos a unha troula nocturna na que corre a xerra do albariño loiro até o mencer. Impera alí o sorriso da taberneira poderosa que insiste no modelo matriarcal que simboliza Galicia na escultura de Asorey. Houbo un intre en que, procedente de Cambados e Vigo, correu Galicia un vento de mitificación. Con Ausonio ao lonxe, intentouse situar no Rhin e no Mosela as orixes dos bacelos do albariño. Non durou a fábula porque, decontado, se soubo que o único viño alemán relacionable con Galicia (vagamente) sería un tinto moi fraquiño que se coñece coma Portuguiesisch.

"Cunqueiro e Castroviejo diron en facer charlismo e producir artigos literarios (principalmente no Faro de Vigo que dirixía Leal Ínsua) sobre cociña e viños de Galicia"

decoration

Axudado por Francisco Fernández Rey quero eu lembrar aquelas celebracións do albariño nun Cambados que asumira civicamente o Rexurdimento de que falamos. En versión monovarietal ou asociado con outras castes autóctonas, o viño de albariño foi construíndo arredor da súa Festa un merecido prestixio. Fecho os ollos e vexo os irmáns Álvarez Blázquez, o arqueólogo e literato Pedro Díaz, o notario, amigo de poetas, Alberto Casal, e impónse a voz poderosa de Fernández del Riego. Pasa Celso Emilio Ferreiro co adufe baixo o brazo porque alguén lle vai pedir unha peza do seu repertorio de pandeiradas arcaicas.

O eco das intervencións de Xosé Manuel Beiras e Manuel María non se apaga. E érguese Otero Pedrayo para nós facer sentir o cadoiro tremelucente do seu verbo. Don Ramón está feliz porque el amaba as viñas e coidaba das súas de Santa Cruz de Arrabaldo, na marxe dereita do Miño. O pensador galego Xohán Vicente Viqueira escribira en 1922 : “Sirve a Galicia o que aproveita un salto de auga; o que fai fructificar dobremente un campo; o que crea unha compañía de navegación; o que escribe un poema, pinta un cadro, abre unha escola, fai ciencia.”Tamén salvar o albariño foi servir a Galicia.

Compartir el artículo

stats