Desde o ano 2008 véñense celebrando na finca de San Roque da nosa cidade unhas xornadas centradas nos cantos tradicionais. Distintas agrupacións non profesionais teñen a ben conservar o noso legado e así manter acesa a convivencia de xentes, que teñen na función lúdica da canción popular un motivo de encontro colectivo, que vai máis alá do puro goce artístico. Malia o arraigo que tal acontecemento está conseguindo entre a veciñanza da zona do Calvario-San Roque, o seu precedente está localizado lonxe da nosa urbe. Pois como conta o seu primeiro mentor, Luís Estévez, tal idea xurdiu vivindo a Semana Grande de Bilbao, na que grupos de cantores ían polos bares e estimulaban o negocio da hostaleira mentres entoaban as súas cancións. No caso vigués, tratouse de substituír os bares pola finca de San Roque.

Que mellor marco para dar acubillo a tantos grupos que cada verán se achegan a tan privilexiada paraxe rural-urbana!. Os motivos que animan estes encontros son ben sinxelos: Reivindicar o noso folclore e a nosa cultura. Homenaxear aos barrios, para que estes sexan considerados algo máis que un espazo físico, senón tamén valorar a súa utilidade para ver de establecer vínculos de amizade-solidariedade-colaboración. De feito, durante as primeiras edicións, as Cancións dos nosos barrios foron desenvolvéndose ao abeiro da infra-estrutura que xa posuían as lendarias Festas de San Roque, inda que con independencia organizativa delas. Posteriormente, á altura de 2019, creouse a asociación cultural que leva o nome da propia celebración: Cancións dos nosos barrios.

E inda que a iniciativa era novidosa, os seus organizadores non partían de cero, pois entre eles xa había algúns cantores que exercían de tais, caso de Pepe Longueira, que formaba parte do Trío Los Arpegios, grupos coma o premiado Os olívicos, procedente da zona do Areal - Teis, ou Tarxa, localizado no Monte das Minas. Un dos fundadores de A Roda, Xosé Lois Abraldes, deulle un pulo decisivo para que esta iniciativa puidera comezar. E outro nome vencellado a este mundo como Mingos Lorenzo, de Treixadura, orientou na dinámica a desenvolver. E tamén cómpre ter en conta outros precedentes, que fixeron do Calvario un barrio con vida de seu: por exemplo, nos anos cincuenta do pasado século, entre os cruces dos Choróns e a Doblada, estaba abicada a zapatería do Cipriano, que fiel ao espírito do seu admirado Carlos Gardel, propiciaba o canto de tangos entre os seus clientes. Por aquel entón tamén era frecuente que as perruquerías tiveran unha guitarra a dispor dos seus usuarios.

Con tais antecedentes, os organizadores contactaron con representantes da corporación municipal para ver de conseguir unha subvención que sufragara os gastos inherentes á celebración destas xornadas, pois inda que os participantes non cobran nada pola súa actuación, está claro que a infraestrutura técnica si precisa dun mínimo de orzamento, ademais da entrega duns agasallos aos grupos cantores, pois despois de certa controversia, decidiuse facer das xornadas unha actividade non competitiva, na que ninguén destaque sobre os demais. No curso das trece edicións precedentes, e durante a que se prevé este mesmo ano, os grupos afeccionados de canto proveñen de distintas parroquias viguesas: Bouzas, Cabral, Coia-Travesas... así como doutros concellos da contorna: Baiona, Cangas, Moaña, O Grove, Salceda ,Vilagarcía... O repertorio a cantar é libre. Habitualmente está integrado por cancións populares galegas, así como por repertorio procedente da emigración a Latino América: boleros, habaneras, tangos... . Todo referendado por un público, que en número aproximado de 1000 asistentes, adoitan achegarse á finca de San Roque. Cun total de 16 formacións inscritas para a edición deste ano –catro por día– dispóñomos a celebrar neste 2022 unha nova edición das Cancións dos nosos barrios: será os próximos dias 26, 27, 28 e 29 de xullo.

*Funcionario Público Xubilado. Membro da Asociación Cultural Pertenza