Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Os prólogos de Manoel Antonio

Prólogos e dedicatorias de libros, causa e fonte de numerosas anécdotas, esconden tamén claves sociolóxicas e teóricas de grande interese. Circulan entre os anecdotarios historias como a protagonizada polo escritor mexicano Valle Arizpe que ao atopar á venda nunha librería de lance unha obra súa con dedicatoria a un amigo, mercouna e fíxolla chegar con estoutra ao pé da antiga, “con renovado afecto”. Tamén un escritor galego cando un amigo da infancia lle confesa, contristado, que non acaba de comprender a súa obra recentemente publicada, replica, restándolle importancia, “non te preocupes, tampouco a comprendeu o prologuista”.

Os prólogos da autoría de Manoel Antonio, tanto poéticos como prosísticos, punzantes e non exentos de ironía algúns deles, son como unha especie de cofre secreto que ocultan non poucos aspectos da súa particular forma de entender a literatura. Referímonos, en primeiro lugar, a ese hábito creativo do rianxeiro de unha vez dispostos os poemas para unha publicación, que non sempre chegará á imprenta, compón un poema que ten o interese engadido de adiantar as intencións do autor para o conxunto. Son cumprido exemplo desta circunstancia os poemas “Con anacos d’o meu corazón”, que precede aos 18 poemas reunidos con este título; o poema “Foulas”, que encabeza e da título aos 27 que lle seguen; os poemas reunidos como “Limiar” para o Sempre e mais despois; de introdución serve o poema “Intencións” para De catro a catro e “Viladomar” para o poemario do mesmo nome. Estes cinco poemas, primicia lectora do autor, permítennos un singular percorrido por toda a obra do rianxeiro que non ten que coincidir necesariamente coa nosa lectura particular pero que desvela as intencións autoriais, parte esencial da literatura. Permítennos estes “prólogos poéticos” seguir a singradura de Manoel Antonio desde os tatexantes e lúdicos poemas de Anacos ata os elexíacos na honra de Amundsen. Este ronsel que estamos a percorrer, seguindo o trazado marcado por estes poemas, non quedaría de todo perfilado se non o completamos cos prólogos en prosa, tan reveladores como expresivos da poética do rianxeiro. Nestes –“O prólogo d’o Maruxo”, “Prólogo dun libro de poemas que ninguén escrebeu”, os “Prólogos” dedicados a Rodolfo Cruceiro e algún outro texto con intención introdutoria– dotados dunha carga irónica distanciadora, esbozan un diálogo sutil non soamente coa poesía do autor, tamén coa literatura galega no seu conxunto. Os papeis manuscritos do rianxeiro agrupan varios títulos moi suxerentes (Nazonalismo e sindicalismo, A estética do pobo, Os poetas oitocentistas, etc.) desafortunadamente sen texto, debaixo do titular xenérico “Prólogos” que demostran o orixinal concepto que tiña Manoel Antonio deste tipo de textos. Un bo exemplo da singularidade dos prólogos de Manoel Antonio témola no que en 1924 publica no xornal “Galicia” (25-VIII-1924), co título “Prólogo d’un libro de poemas que ninguén escrebeu”, un típico prólogo galeato, que anticipa posibles críticas a un libro que non existe, coa confesada intención de desprestixiar o autor do mesmo diante dos seus lectores, exceptuando a exigua minoría que careza de sentido común. Anticipa Manoel Antonio, o seu primeiro libro é de 1928, moitas das críticas que se lle tiñan feito e outras moitas das que lle van facer nun futuro próximo. Sérvelle tamén para proclamar algunhas das ideas inspiradoras da súa acción social e artística: a antiburguesa incomodidade da súa obra, sometemento da vida ás necesidades da arte, poemas de intencións propias con moldes persoais, alonxado do sentimentalismo e profundamente individualista sen negar certas lecturas doadamente peneiradas e asimiladas, etc. Todo un programa artístico e social que se presenta co formato da contradición que xa anticipou no “prólogo d’o Maruxo” ao considerar as ilustracións e introducións para obras alleas como inútiles, co conseguinte convite a non lelos. Claro Manoel Antonio, xogando coa complicidade do lector, escribe este para un libro que non existe, dándolle deste xeito categoría de capítulo ou de ensaio independente traspasado por unha ironía presente tamén en numerosos poemas.

Compartir el artículo

stats