Como alcalde e representante da veciñanza de Silleda, lamento e condeno o último boicot aos case 9.000 habitantes deste municipio perpetrado polo voceiro do Partido Popular, o señor Maril, co beneplácito de parte dos seus concelleiros, que se prestaron a este bochornoso espectáculo.

Dende que comezaron os traballos para a posta en marcha da urbanización máis importante na vila de Silleda este “señor”, facendo uso como é xa costume da mentira, non fixo máis que tratar de boicotear esta destacada actuación. Así o reflexan as 1.600 firmas das que a gran maioría eran, ou ben falsas, ou de fóra deste municipio, ou cun cariz político que nada tiña que ver con esta obra, aproveitándose da manipulación cara aos veciños e veciñas que con boa vontade non crían no proxecto e asinaron pensando que o facían nun documento serio.

Ao longo dos meses que durou a obra insultou e calumniou, día tras día, ao alcalde e á empresa construtora, sempre facendo uso da súa arma favorita: a terxiversación e a mentira. Ata aquí xa estábamos case afeitos, por iso non perdemos nin un minuto en rebatir as constantes e semanais falacias do voceiro popular.

Pero o que non podo pasar por alto é que utilizara un día importante para Silleda, case histórico, para un novo boicot. O sábado foi un día moi importante, non só pola inauguración da rúa Progreso, senón porque no noso querido pobo se daban cita á mesma hora as dúas máximas autoridades de Galicia: o delegado do Goberno de España (máximo representante do goberno da Nación) e o presidente da Xunta, ao cal felicitei por carta con cariño polo seu nomeamento expresando en nome de todos os silledenses o orgullosos que estamos de que unha persoa con raíces neste municipio sea presidente da comunidade.

Mire, “señor” Maril: se é certo o que vostede di de que non cumpro a lei no que respecta ao seu dereito a ter acceso á documentación, é tan fácil como que acuda vostede ás instancias que o considere. Ao Valedor do Pobo, mesmo. Se ten vostede razón, xa me darán un tirón de orellas e poderá vostede facelo público e deixarme en evidencia. Por certo, as xuntas de goberno local tenas –como todos os veciños e veciñas deste pobo– na web municipal.

En caso contrario, os silledenses non se merecen que o principal partido da oposición presente como candidato á Alcaldía a un mentiroso.

Como alcalde (que algún día deixarei de ser), non podo consentir estes teatrillos/espectáculos . Como veciño, nunca xamais permitín nin permitirei que dende o ámbito político se rían do meu pobo, sexa quen sexa o partido que o faga.

Silleda e os silledenses somos moito máis que as liortas políticas e a palabra dun mentiroso.

*Alcalde de Silleda