Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

O monumento a Curros, territorio en disputa

Certos símbolos, xa sexan monumentos, espazos, paisaxes, festas, cantos ou conmemoracións, en canto patrimonio memorial constitúen un exercicio colectivo de reflexión de gran utilidade crítica e actual porque reflicten os debates e discusións arredor da historia da sociedade no que se producen. As tensións entre o que se quere lembrar e o que se quere esquecer maniféstanse nos espazos da memoria, territorios en constante disputa, un ca mpo de batalla político e ideolóxico nas sociedades atravesadas por rupturas e conflitos. Poden servir de exemplo moi expresivo a transformación en Arxentina do ESMA (Escola de Mecánica da Armada), centro de tortura e asasinatos durante a ditadura, en centro de reflexión para a paz e a reparación de vítimas e o Parque pola Paz e o Museo Villa Grimaldi en Chile, que pretenden transformar lugares de represión e morte en centros de reconciliación.

Sen o dramatismo dos citados exemplos, evocamos como territorio de tensións o espazo que ocupa a estatua de Curros Enríquez nos xardíns de Méndez Núñez na Coruña. Inaugurada con solemnidade en 1934, coa asistencia, entre outras autoridades, do presidente da República, do alcalde da cidade e do presidente da Real Academia Galega, será obxecto de disputa en numerosas ocasións, a última en 1970 sendo alcalde da Coruña Xosé Pérez Ardá. O monumento, obra do escultor Francisco Asorey, pasou por numerosas vicisitudes desde 1922. Levantado por iniciativa da Iniciadora da Habana, o concello da Coruña e a Real Academia Galega foi adxudicada a obra en 1928 despois dun concurso anterior non executado. Retrasouse a súa realización durante seis anos por motivos económicos derivados, según a versión do escultor, do seu emprazamento en terreos areosos. Non prosperou a idea inicial dun posible traslado dos restos de Curros á furna cineraria destinada a tal fin na parte traseira do monumento. Xa sendo alcalde Manuel Casás houbo un intento de trasladar este emblemático monumento, símbolo tamén da idílica relación entre o poeta e a cidade que o coroou, refrendada no multitudinario enterro celebrado na Coruña en 1908.

“A efixie barbada do poeta proxectou sempre unha alongada sombra sobor da cidade herculina”

A mutua relación de lealdade entre Curros e a cidade da Coruña comezara en marzo de 1881 cando o avogado Luciano Puga y Blanco consegue a revogación da sentenza condeatoria da Audiencia de Ourense por inxurias, según acusación do bispado de Ourense, contidas no libro ‘Aires da miña terra’. E continúa esta con motivo dos sucesos de 1893 provocados polo decreto de marzo deste ano polo que se pretendía o traslado da Capitanía Xeral con sede na Coruña desde 1480, a León. Con tal ocasión Curros escribe varios artigos en ‘El Liberal’ defendendo as teses rexionalistas de permanencia na Coruña.

O motivo non confesado para o traslado do monumento foi sempre a especulación e, naturalmente, a postergación e ocultamento que motivou o seu levantamento, que non foi outro que deixar constancia do protagonismo de Curros na construción de Galicia como nación e da defensa da Coruña como sede da Capitanía. Como consecuencia fica nidio que a efixie barbada de Curros proxectou sempre unha alongada sombra sobor da cidade. O informe de Otero Pedrayo en defensa da permanencia do monumento, autógrafo, dirixido ao Secretario da Real Academia na Cruña e asinado en Ourense o 15 de xaneiro de 1970 cobra sentido pleno á luz dos devanditos antecedentes e di así:

O académico firmante, chamado a dar seu parecer sobre un proieuto de remoción, non importa pra onde, do moimento a Curros Enríquez ergueiro no paseo de Méndez Núñez da Coruña, decrara de sutaque delorosamente surprendido:

Que ningún verdadeiro galego e especialmente ningún cruñés, amante da poesía, da cultura, da propia dinidade da cidade, pode sosteñer que o moimento “estorba”. O que estorban son outras cousas. Curros, namorado da Cruña e agradecido a ela soio pode estare no frente lumioso, aberto ó mar e ó infindo da cidade. Diante tal símbolo calan todalas convenenzas económicas e municipás, si as houber. O poeta inmorrente non está suxeito a xubilación. O proieuto, de habelo, debe ficar no silenzo. Pois a sua soia proposta sería unha chata e lixo prá limpa e groriosa cidade da Cruña e non digamos pra a autoridade que a propuxer.

Deus garde a V.S moitos anos.

Ramón Otero Pedrayo

* Académico Numerario

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.