Dende que o mundo é mundo, os poderosos, os que mandan e dirixen o cotarro, ás veces en plan tiranía e ditadura pura e dura e outras baixo formulas máis ou menos pseudodemocráticas, utilizaron e seguirán, faltaría máis, usando e abusando do espectáculo que na antiga Roma imperial se coñecía como panem et circenses. Pan e circo, vaia, para entendernos os que somos de ciencias e non sabemos de latíns. Con isto pretendían nada menos que manter tranquilamente entretida á poboación ocultándolle os problemas reais do día a día: traballo, alimento, casa,roupa, educación, sanidade e futuro, bagatelas e tonterías, xa sabemos de que vai a cousa.

Recordo cando eu era neno que aquel entrenador italiano, Helenio Herrera, definía a súa profesión dun xeito pragmático: Fútbol é fútbol. E máis adiante, o meu admirado Luis Aragonés deixábao aínda máis claro cando afirmaba que o fútbol é: gañar, e gañar, e gañar, e volver a gañar, e gañar outra vez, e gañar, e gañar. O espectáculo ofrecido durante meses que vén de rematar, por fin, porque semellaba a historia interminable, e non precisamente esa do libro de Michael Ende, no tema da fichaxe deste peloteiro do que o único mérito é darlle patadas a un balón, Mbappé, convertendo o asunto nun tema de estado, de prioridade máxima –mesmo tivo que intervir o presidente prancés, o Sr. Macron, que sinceramente penso que debe ter problemas máis acuciantes que a renovación ou non polo PSG do referido futboleiro–, resulta unha manifestación nítida da estupidez da nosa sociedade actual, alentada polos medios de comunicación, sospeitosamente nas mans dos que mandan e dunha imparcialidade máis que dubidosa na que resulta que a información coma tal pasa a segundo plano por mor da manipulación, as audiencias e as tendencias e intereses económicos ou políticos do grupo editorial que o dirixa.

Resulta máis que perigoso o que está a ocorrer, manda, dirixe e controla o poder financeiro, e precisamente este permanece nas mans das denominadas agora “mafias”, branqueadas, e branqueciñas, que xa nada teñen que ver cos delincuentes sanguentos e sen corazón daquela Italia profunda da que saíron. Agora sonche rusos ou árabes os que dominan, controlan e dirixen o negocio e, como non podía ser doutro xeito, tamén se ocupan do circo, porque o interese é dobre, por unha parte, as desorbitantes cantidades que se están a manexar no mundo do fútbol, e, por outra, o peso específico que está a alcanzar para idiotizar ás masas, á xente e aos cidadáns. E o resultado, velaí o temos no corrupto Catar e o vindeiro mundial de fútbol. Compra de votos, comisións millonarias, sobornos dentro e fóra da FIFA, etc.

Tan só hai que ver como todo un pobo, unha cidade ou un país se mobiliza para protestar polos resultados dun equipo de fútbol, ou un xogador, e non hai resposta nin protestas, nin manifestacións nin movementos de ningún tipo cando o país se vai á merda pola inflación, o paro, a recesión, a corrupción dos políticos ou o despilfarro dos banqueiros.

Vivir para ver. Pois que nos sigan dando panem et circenses, o “soma” da felicidade en pastillas sen límite do que falaba Huxley no seu mundo feliz.