Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

O conto da criada

Margaret Atwood escribiu O conto da criada a mediados dos anos oitenta. É unha desas novelas que, malia ser unha ficción distópica, o que se está narrando semella tan real que ningunha muller é quen de permanecer impasible ao relato: nunha sociedade do futuro a contaminación química reduciu a fertilidade ata o extremo poñendo en perigo a supervivencia da especie. Amparándose en pasaxes da Biblia, os líderes deseñan un sistema en base ao que as poucas mulleres fértiles que existen son convertidas en criadas ou escravas encargadas de parir os fillos que as Esposas non poden ter. Di Atwood: “Nada cambia instantaneamente: nunha bañeira onde a auga se quenta pouco a pouco, un podería morrer fervido sen nin sequera ter tempo de caer na conta. Por suposto, nos xornais aparecían noticias: cadáveres nas gabias ou no bosque, mulleres asasinadas a paus ou mutiladas, deshonradas, adoitaban dicir; mais eran noticias sobre outras mulleres e os homes que facían semellantes cousas eran outros homes. Nós non coñeciamos a ningún deles. As novas dos xornais semellaban soños ou pesadelos soñados por outros. Que horrible, diciamos, e érao, mais sen ser verosímil. Sonaban excesivamente melodramáticas, tiñan unha dimensión que non é a das nosas vidas”.

No relato de Atwood, o control da fecundidade implica tamén un control absoluto sobre as mulleres. Recluídas en centros onde está prohibido ler e escribir, sen posibilidade de optar a un traballo asalariado, sofren un illamento total. Négaselles a identidade porque non son consideradas seres humanos con vontade propia: son mercadoría.

Despois da filtración do borrador sobre a postura da Corte Suprema EE UU con respecto ao aborto, o pasado 7 de maio unhas manifestantes vestíronse emulando os personaxes da novela de Margaret Atwood. Enfundadas en túnicas vermellas protestaron diante da embaixada estadounidense do Reino Unido. The handmaid’s tale is not an instruction manual, dicía unha das súas pancartas. A postura da Corte Suprema norteamericana supón a derrogación de “Roe contra Wade”, a sentencia que sentou xurisprudencia no ano 1973 cando ditaminou que a liberdade dunha muller embarazada para decidir abortar está amparada pola Constitución. A decisión da Corte Suprema suporía un retroceso de medio século nos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. De derrogarse a lei do ano 1973, entrarían en vigor as normas de 13 estados que xa están aprobadas, agardando poder empezar a aplicarse. Desde o mes de setembro, en Texas está prohibido abortar a partir da semana sexta de embarazo. A lei de Alabama é aínda máis restritiva, prohibindo o aborto en calquera suposto: risco da muller embarazada, malformacións do feto, violación... Este retroceso nos dereitos das mulleres implica negarlles a posibilidade de decidir sobre a súa maternidade e sobre o seu propio corpo e, como sucedeu no pasado, vai abrir a porta aos abortos ilegais, practicados na clandestinidade, de xeito inseguro. Penso agora no colectivo “The Jane”, as mulleres que axudaban a mulleres a abortar con garantías nos anos 60 e 70 fartas de ver como algunhas das súas amigas morrían desangradas e que acabaron en prisión ata o 1973. Non é de estrañar que as manifestantes portaran esa pancarta nas protestas da pasada semana: O conto da criada non é un manual de instrucións”.

Compartir el artículo

stats