Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Tontos de remate

Pois mire, Sr. Ignacio Sánchez Galán, por unha vez e sen que sirva de precedente, estou de acordo con vostede. Si, efectivamente, somos tontos de remate, tontos, tontísimos ao cubo. Tontos por aguantarlle a impresentables coma vostede dirixir unha empresa que era de nós todos hai anos e que resultou privatizada xa sabemos como e porque. Tontos por permitir o abuso, o espolio e o descontrol das eléctricas, que xa é sabido, se hai perdas sonche nacionalizadas, e toca pagalas entre todos, pero os beneficios sempre resultan particulares e privatizados do mesmo lado, faltaría máis. Tontos por soster caladamente o máis inxusto dos sistemas nunha economía de mercado, capitalista e descorazonadora, na que manda sempre o deus dos beneficios, os cartos doados, e os bufetes de avogados que saben os mil e un trucos para que os de sempre queden impunes, e os de abaixo, chourizos de pouca monta, paguen o pato, ben pagado.

Sen dúbida que ten vostede gracia, e toda a razón, cando pecha o paréntese asegurando que somos tontos, por deixarnos convencer polas campañas agresivas e ata fraudulentas do telemarketing, ese invento do demo, no que o paganini de turno xamais ten ocasión de reflexionar, pensar, ler e comparar, porque sempre hai que responder que si, no momento, ao teléfono, a unha descoñecida cálida voz, máis que melosa se dis que si, pero decepcionantemente agresiva cando decides que non, que mellor malo coñecido que o ouro do mouro por coñecer que che ofrecen.

Alguén pode crer que unha empresa que te ten collido polos cataplíns vaia a ofrecerche algo que resulte máis beneficioso para o consumidor que para a propia empresa? Home, si, somos tontos pero non parvos, Sr. Galán. Somos rematadamente tontos e sen remedio, por seguir aguantando, calando e non revelándonos contra tanto senvergoña, tanto despropósito, tanto caradura, tantos e tantos políticos que medran servíndose e non servindo da res publica, e cando todo remata as portas xiratorias, xa saben do que falo, permítenlle seguir chupando do bote, comodamente dende un consello de administración, nun despacho de moqueta e mesa de caoba, que por suposto non pisan en todo o ano, salvo para firmar a nómina, os bonus ou a participación nos beneficios que lles teñen asegurado o porvir.

Pois, si, tontos sen remedio, de remate, tontísimos, pero, por moito que o Sr. presidente de Iberdrola queira, eu vou seguir sen facerlle caso, porque non me fío un pelo do que me ofrece, e vou seguir no mercado regulado, porque son tonto total e sen remedio.

Compartir el artículo

stats