Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

As revoeiras de Núñez Búa, anecdotario antolóxico

Temos dito que a cultura galega é singularmente fértil en anécdotas probablemente debido ao obrigado carácter oral no que se desenvolveu durante moitos anos. Malia que non dispoñemos de moitos libros que certifiquen esta tendencia, abonda a obra de Xosé Núñez Búa (1897-1981) titulada Revoeira (primeira edición en Montevideo en 1971, reeditada por Ir Indo no 2000), como representación antolóxica do xénero. Son un total de 150 textos breves polos que desfilan xentes de toda condición e fortuna dun e doutro lado do Atlántico e que se presentan plenas de naturalidade vital grazas a unha prosa directa, nada ampulosa, equilibrada, na que conflúen maxistralmente en permanente diálogo as tendencias populares e cultas. Cumpre advertir que a obra, debaixo do ton humorístico e desenfadado co que se presenta, amosa unha liña ideolóxica de firmeza inequívoca nos valores do galeguismo nos que se formou e desenvolveu a vida do autor.

Moitas das anécdotas recollidas teñen como escenario Vilagarcia, unha vila con vocación de cidade, cosmópole da Ría da Arousa, tal como é apostrofada no libro. Impulsada polo ferrocarril e aproveitando a súa estratéxica situación, a capital arousá pasou a ser un polo industrial de primeira orde que chega a ter na segunda década do século XX máis de dez consignatarios de buques, aduana, numerosos consulados e a ser afortunado lugar de descanso da poderosa armada británica.

Núñez Búa viviu en Vilagarcía entre 1920 e 1935 exercendo como profesor e director do mítico colexio León XIII; nesta vila casou con Otilia Valladares en 1923 e como militante galeguista foi promotor das máis variadas actividades culturais que convocaron en Vilagarcía a escritores, pintores, profesores e políticos e onde a rebotica de Lisardo Barreiro era unha factoría de proxectos de futuro. Unha boa parte dos protagonistas que puxeron en diálogo a historia de Vilagarcía coa historia da educación en Galicia a través do colexio León XIII padeceron o desarraigo do exilio e da postergación, que explican dabondo o esquecemento actual da figura de Núñez Búa.

Ocupa Rianxo en Revoeira un lugar de privilexio por ser, entre outros motivos, o berce de Castelao, protagonista de numerosas anécdotas e por ter sido o seu curmán Manolo Rodríguez Castelao, asasinado no bou Eva, profesor no colexio introducindo na órbita do mesmo aos seus amigos rianxeiros Manoel Antonio, Rafael Dieste, Roxerius, Sixto Aguirre etc. que o mesmo frecuentaban a taberna da Pureza para tomar unhas “chiquitas” que fatigaban as páxinas do xornal Galicia Nueva cos seus artigos. Pois ben, nunha revoeira titulada “Cultismos”, que o autor atribúe á testemuña de Arturo Noguerol, por un tempo secretario no Concello de Rianxo e tamén asasinado, cóntanse dúas anécdotas ocorridas na motora do Carqueixa que facía a diario a travesía de Rianxo a Vilagarcía.

Touciño, mariñeiro aprendido na conversa dos devanditos mestres e escritores rianxeiros, profire esta greguería: “Polo mastro da motora soben tantos xuramentos do patrón que se as gaivotas tivesen un receptor de radio perderían a inocencia”. E estoutra: Rita, mandadeira e tratante en ovos, escoitando dicir a un veraneante madrileño que se fose pintor fixaría no lenzo as cores do solpor no Barbanza, espétalle: “Pois para axuntar todos eses tons hai que saber moito e andar axiña porque nun instantiño a luz xa é diferente e compren outros pinceis”. E Noguerol reflexiona: “Ese apotegma de Rita é digno dun Monet e de figurar nunha antoloxía do Impresionismo”. Todo esto sucedía na motora do Carqueixa nunha viaxe de ida e volta onde a conversación era tamén pedagoxía secreta de liberdade. Lembranzas e lembranzas que o vento mainiño do tempo levanta como revoeiras de po no camiño da vida.

Compartir el artículo

stats