Cando eu era un rapaz cheo de esperanzas, soños e fantasías, continúo o mesmo, recordo que nas saídas que faciamos cos compañeiros e amigos a pasar un día de excursión en contacto coa naturaliza e ar puro e limpo, cantabamos alegres e felices aquela canción Ahora que tenemos tiempo, vamos a contar mentiras tralara....Pois miren, unha de dúas ou somos mais parvos que o maior parvo do mundo mundial, ou somos parvos ao cubo, non hai outra. Que porque tal? Pois tan so hai que escoitar como fixen eu estupefacto e coa boca aberta as declaracións dos nosos políticos eses de cara de cemento que manteñen con tal naturalidade e desparpaxo que semella que lles sae do máis profundo sen esforzo ninguno e tan panchos, neste invento novidoso que é a feira do turismo a FITUR.

Eles coma se nada, ó seu, un día si e outro tamén, e entre rifirrafe, e bronca as súas señorías aínda sacan tempo para coller avión privado e darse un garbeo polos Madriles da liberdade da señora presidenta. E de paso aproveitando que o Miño pasa por Segovia, entre pelexa e pelexa por quítame alá uns euros deses do reparto dos fondos covid, europeos, que cada vez me recorda mais ao conto da leiteira e os seus cántaros de leite polo chan, van e falan diante dun micrófono de radio e se hai unhas cámaras de televisión mellor, polas que devecen, en tanto poñen a mellor das súas poses para saír ben guapos na foto, van e nos contan a troula, esa, o invento total, o enxeño enxeñoso; do turismo “ sostible”, coma se fora a panacea total, o corno da abundancia, o bálsamo de fierabras, Deus de deuses.

De que turismo sostible estanos a falar? Porque eu sonche mais ben curto de entendederas e bastante burricán e non caio da burra. Que falan do turismo dos parques eólicos, que nacen coma fungos no outono, sobre calquera outeiro do Pais? Ou falan das miles de hectáreas de bosque, monte e fragas arrasadas para favorecer os monocultivos, as famosas explotacións agroforestais, onde o eucalipto resulta o deus, sacro santo das celulosas do mundo mundial? Aprobaron hai nada unha moratoria nas plantacións, pero estas continúan medrando en hectáreas e ninguén fai nada para evitalo. Falan acaso do turismo das minas a ceo aberto, das canteiras que desbancalan terra e montes, dos portos exteriores que aniquilan flora e fauna mariña e transforman en tornos naturais en enormes adefesios de cemento e ferro? Quizais do turismo sostible da Galicia, e da España baleirada, das cidades conxestionadas, das macrogranxas que contaminan sen que ninguén poña remedio, dos ríos negros coma boca de lobo que tan so levan auga sucia e lixo, dos plásticos e desperdicios por doquier. De que falan logo?

Eu non entendo nada, seino, porque cada día estou mais vello, chocho e parvo.