A historia dos pobos fana os homes. Aqueles emprendedores máis atrevidos, capaces de imaxinar un xeito diferente de facer as cousas e de vivir a vida, aínda a risco de naufragar. Para recordarnos dun xeito douto e profesional o noso pasado temos na vila mentes e autores máis que competentes. Dicir Antonio Presas, Daniel González Alen, Antonio Vidal Neira ou Manuel Igrexas é dar por sentada a realidade dos seus estudos sobre o noso pasado histórico.

Eu, pola miña parte, non vou pretender nin tan sequera minimamente poñerme ao seu nivel, resultaría ridículo e imposible absolutamente. Pero si vou “romper unha lanza” por tres daqueles emprendedores toliños, que hai algo máis de corenta anos fixeron que Lalín deixara de ser unha aldea de aldeas, produtora de leite para a Nestlé ou Prabasa, para se converter na vila moderna, industrial e populosa cabeceira de Deza que temos hoxe.

Como esquecer aqueles homes e mulleres que dende o traballo constante e anegado axudaron a construír esta moderna sociedade actual? Emprendedores e empresarios que dende un pequeno taller de costura, como foi o caso de Manuel Guerra (Guerral) ou Florentino Cacheda, que, sen présas pero sen pausa, foi quen de acadar pedra a pedra un lugar no difícil mundo da confección, sen esquecer os Creaciones Enmanuel, Toypes, Montoto, Géneros de Punto Iván e outros, que chegaron a facturar máis de oitenta e cinco millóns de euros ao ano, sen esquecer os centos de postos de traballo que crearon.

Aínda recoñecendo a importancia do téxtil na zona, non debemos esquecer sectores como a carpinteira de madeira, onde a forza da xente nova, como José Blanco, dende Pumade e Portadeza máis adiante, foron punta de lanza no comercio exterior chegando ata a mesma URSS daquela. Tampouco seriamos xustos se non recoñecemos o traballo impresionante dende 1970, alá na súa carpinteira de aluminio na casa familiar do Pontiñas, de Inasus, con Eladio e Moncho Cuiña á cabeza. Ou a valiosa aportación de firmas como Electromontajes Megodeza, que o talento de Ramiro Mejuto, a trancas e barrancas, conseguiu consolidar como empresa punteira no sector. E quen pode deixar de lado aos irmáns González, José Ramón e Fernando, dende o seu Carragoso natal.

E precisamente aquí é onde quero poñer unha pica en Flandes e a pesar dos pesares facer público recoñecemento do impagable traballo e labor desenvolvida durante anos por tres dos mellores lalinenses que puiden ter o gusto de coñecer e admirar, cada un na súa faceta, malia o inxusta que resultou con eles a vida a nivel persoal e profesional, como son: José Cuiña, de sobra coñecido de todo; Fidel Fernández Presas, que fixo da nada o seu colexio Sagrado Corazón, por cuxas aulas pasaron miles de rapaces de todo o país; e José Ramón González, que puxo as bases para un tecido empresarial sólido e moderno dende a súa fábrica e a AED (Asociación de Empresarios de Deza), da que aínda moitos presumen.

Un pobo que esquece e non valora aos que o deron todo por facer un mellor futuro, dende logo que non merece nada. Por tanto, penso que é de lei recoñecer dunha vez por todas a historia pasada destes tres pioneiros, e así dende aquí, aínda que sei que esquezo a moitos outros, sen ánimo de molestar a ninguén, o propoño para que na figura deles tres se renda homenaxe a todos os que fixeron o moderno Lalín, de hoxe en día.