Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Guantánamo

En 1898 España renunciou á soberanía sobre Cuba, Puerto Rico, Filipinas, Guam, despois de ser vencida política e militarmente polos EE UU e tamén por patriotas rebeldes dos principais territorios ultramariños mencionados. Daquela, a malenconía trabou nos corazóns de certos intelectuais metropolitanos que pasaron á historia coma “Generación del 98”. Nela non incluímos Valle-Inclán. Cuba, que non coñeceu unha verdadeira independencia até a revolución castrista, cedeulle aos EE UU un enclave de pleno dominio na provincia de Guantánamo. A cesión perpetuouse. Hai agora vinte anos, Washington converteu este Guantánamo nun espazo no que non rexe o Dereito e no cal se concentran persoas desprovistas de calquera garantía. Alí tortúrase e mátase á vontade. Isto ocorre desque os EE UU desataron a súa ofensiva contra un islamismo que resultou ser aliado de Arabia Saudí e doutras autocracias de natureza relixiosa e totalitaria. Contan que en 1898, despois de asinar o tratado infamante do Desastre, o plenipotenciario de España Eugenio Montero Ríos esgallou a súa pluma-fonte contra un velador do Quai d’ Orsay parisien en arrouto de raiba e de vergoña. Lembren que Curros, n’O Divino Sainete, tratou con deferencia e agarimo a quen fora alcumado de “Cuco de Lourizán”.

"Cúmprense vinte anos da conversión do enclave norteamericano en Cuba nunha cadea irregular na que se conculcan os Dereitos Humanos"

decoration

Dise que moitos alemáns defenderon a súa afiliación ao nazismo protestando que eles non sabían nada do que ocorría nos campos de exterminio. É posíbel que, no futuro, haxa cidadáns dos EE UU que se fagan os inocentes proclamando a súa ignorancia dos horrores de Guantánamo. Estes días cúmprense vinte anos da conversión do enclave norteamericano en Cuba nunha cadea irregular na que se conculcan os Dereitos Humanos. George W. Bush é o fundador de Guantánamo como prisión. Barak Obama prometeu suspender as actividades ilícitas. Trump pareceu todo o tempo encantado do bo funcionamento de Guantánamo. No seu estilo moderado, Biden non demostra ter presa en liberar os presos. En todo caso recapitulemos. EE UU derrotou a España en falsa concomitancia cos patriotas revolucionarios dos terrritorios de Ultramar. A república cubana resultante cedeulle unha porción de Guantánamo (terra española desde os días da Conquista) á potencia do Norte, que a fixo súa ao parecer para sempre. O citado Curros Enríquez, nun poema extravagante e misterioso, fai alusión aos vencedores cando fai referencia a un “mostrador de yankee mercería”.

Compartir el artículo

stats